O Concello de Boiro convoca unha liña de axudas destinadas a gastos sociais extraordinarios que se financian mediante o POS+ de gastos sociais extraordinarios da Deputación da Coruña. O importe total destas axudas é de 22.168,46 euros e a presentación de solicitudes pode tramitarse ata o 15 de novembro de 2025.
Esta liña de axudas está destinada a persoas integradas nunha unidade de convivencia con recursos insuficientes para facer fronte a gastos específicos co obxectivo de prever ou evitar situación de exclusión social.
As axudas están divididas en dúas liñas. A primeira será a de cobertura de necesidades básicas como vivenda e gastos para o seu mantemento, alimentación, educación, gastos médicos e farmacéuticos ou transporte, dotada de 10.000 euros para casos nos que exista un déficit grave de recursos económicos que non asegure a cobertura destas necesidades básicas.
A segunda liña, dotada con 12.168,46 euros, está destinada á creación ou ampliación dos servizos para o respiro e conciliación familiar de unidades de convivencia que carezan de medios económicos para asegurar a cobertura destas necesidades.
O modelo de solicitude está dispoñible no departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro e deberá presentarse no rexistro xeral xunto coa documentación necesaria para xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos, que será avaliado polo equipo técnico dos Servizos Sociais municipais.
Esta liña de axudas convócase mediante o POS+ de gastos sociais extraordinarios da Deputación da Coruña mediante a que o Concello de Boiro recibe 111.381,43 euros que se destinan á adquisición de equipamentos sociais para préstamo, tales como axudas técnicas, equipamento para a vivenda social, etc.