A concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, presentou este martes a XVII Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de agosto.
Outeiral estivo acompañada de Daniel Ozores, presidente da Asociación da Exaltación do Mexillón, e outros membros da organización.
Esta cita, que se recuperou o ano pasado logo duns anos, ten como obxectivo potenciar o mexillón das rías galegas, buscando levar máis lonxe un produto moi habitual na dieta dos galegos e galegas, sumado ao alto número de postos de traballo directos e indirectos que xera na comunidade autónoma.
“Imos adiante cunha nova edición que busca fortalecer a imaxe do noso produto e que conta coa colaboración de seis agrupacións de mexilloeiros que agrupan máis de 400 bateas”, afirmou Daniel Ozores. Participan AMC, Amebarraña, A Boirense, A Marxa, A Bensa e Virxe do Carme.
O programa de actividades comezará o venres 15 de agosto coa charla Proxecto Apromex a cargo de Elsa García e un showcooking de Miguel Mosteiro a partir das 21.15 horas.
O sábado 16 as actividades comenzarán ás 12.00 horas coa proxección da curtametraxe Evolución do sector bateeiro sobre o traballo na batea, seguida da charla O sector do mexillón: dato mata relato a cargo de Miguel Ríos. Haberá tamén sesión vermú coa actuación de D’Crooners Band, degustación de tapas e inchables.
Xa o sábado pola noite haberá un chowcooking a cargo de Lucía Frieitas ás 20.30 horas e degustación de paella e mexillóns ao vapor coa actuación de Virtual Projects.
O domingo 17, xunto coas regatas da Liga Galega de Traíñas que se disputan no peirao de Cabo de Cruz, terá lugar o acto de inauguración da XVII Exaltación do Mexillón cun menú degustación de catro elaboracións a base de mexillón a prezos populares, acompañada da actuación do grupo O Ar de Loureda.
Dende a asociación contan con vender entre cinco mil e seis mil racións de producto durante a fin de semana. Ademais, o Concello de Boiro pon a disposición dos locais de hostalería que así o soliciten mil quilos de mexillón para que, durante toda a semana, poidan facer as súas tapas a base de mexillón.
A concelleira de Cultura e Turismo, María Outeiral, deulle os parabéns á organización por darlle continuidade “a esta festa gastronómica que pon en valor o noso producto local, pois somos o principal productor de mexillón, e dalo a coñecer e tamén que poidamos gozar del”.















