«Aproveitando que son as festas da nosa señora pedímoslle que nos axude para que a obra da nacional remate pronto e non chore como unha Madalena». José, Moncho, Martín, Óscar e Carlos, membros da asociación Arcea-Adames, tiraron de retranca o sábado pola noite no pregón inaugural das festas do Milladoiro, en alusión ás obras de humanización que se desenvolven na N-550.
Asistentes á procesión na honra da Virxe da Madalena, celebrada este domingo no Milladoiro / CEDIDA
Pero os cinco pregoeiros, membros dunha asociación que leva máis de 20 anos traballando pola inclusión das persoas con discapacidade, tamén apelaron na súa intervención á conciencia cívica. «Nestes tempos de tecnoloxía e intelixencia artificial valoramos moitísimo que a veciñanza do Milladoiro sempre nos saúde e sexa cercana connosco. Fai falta máis conexión para seguir na integración», sinalaron.
No Ames en Festas 2025, o Concello destaca a súa aposta por facer das celebracións un evento inclusivo do que poidan gozar ao máximo as persoas con discapacidade.

Asistentes á procesión na honra da Virxe da Madalena, celebrada este domingo no Milladoiro / CEDIDA
Os mellores pregoeiros
Neste sentido, o alcalde, Blas García, loou na súa intervención a escolla dos pregoeiros como «a mellor elección que se podía facer», ao tempo que salientou o traballo desenvolvido durante máis de dúas décadas por Arcea-Adames.
Pola súa banda, Paula Segade, da comisión de festas do Milladoiro agradeceu a colaboración das empresas da localidade, así como de XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames), o Concello e a Deputación da Coruña.
Trala actuación de Los Satélites o sábado pola noite e da París de Noia onte domingo, a festa continúa este luns coa verbena a cargo da orquestra América. Mañá, último día das Festas da Madalena, será a quenda da Olympus. As celebracións trasladaranse o mércores a Bertamiráns, onde comezarán as Festas da Peregrina, con outros cinco días de actividades para todos os públicos.