Veciños da rúa Blanco Amor reclaman os continuos cortes de auga a consecuencia de múltiples roturas de tubaxes. «Levamos uns seis cortes dende o pasado 10 de xuño, e o peor é que non nos avisan», comenta en conversa con EL CORREO GALLEGO Marta Vilaseco, veciña do número cinco de dita rúa situada no barrio compostelán de Vista Alegre.
O último corte produciuse na noite deste domingo. «Quedamos sen auga ás oito da tarde e non volvemos a ter servizo ata as 8 da mañá deste luns, aproximadamente», conta.
Vilaseco detalla que se trata dun problema de canalización da auga con «tuberías antigas que acaban rompendo co paso do tempo». Isto fai que non dispoñan dun servizo «básico» polo que se lles está a cobrar igualmente.
Dende Viaqua confirman o sucedido durante o último mes. «Esta zona experimentou un incremento nas avarías debido ao estado das canalizacións de fibrocemento, que xa superaron a súa vida útil», indican, ao que engaden: «Dende os servizos municipais estase a dar resposta inmediata a cada incidencia, realizando as reparacións necesarias tan pronto como se detectan as roturas. Non obstante, cando estas se producen durante a noite ou son de difícil localización, o proceso pode requirir máis tempo para garantir unha solución efectiva».
Como parte das medidas de mellora, o pasado venres instalouse unha ventosa na zona. Dende Viaqua explican que se trata de «un dispositivo técnico que axudará a previr os golpes de ariete e minimizar futuros danos na rede».
Con todo, dende a empresa sosteñen que o Concello é consciente de que a rúa Blanco Amor constitúe «un punto crítico» na rede de abastecemento, polo que «mantén un seguimento constante da situación e traballa na busca de solucións definitivas para esta problemática que afecta á veciñanza».