Noia volverá viaxar no tempo a través da XXVI Feira Medieval, que se celebrará do 18 ao 20 de xullo. Unha viaxe que, un ano máis, conxugará o carácter festivo co reivindicativo, xa que, segundo afirmou o concelleiro de Cultura, José Pérez, «con esta cita seguimos reivindicando a Noia como vila dos gremios e Portus Apostoli», coa mirada de obter a declaración da feira como Festa de Interese Turístico.
Con tal fin, á hora de deseñar a programación da Feira Medieval, «tentamos diferenciarnos doutros eventos semellantes, e buscamos que os espectáculos estean vinculados a episodios da historia de Noia».
Pérez asegurou que o programa definitivo darase a coñecer nos vindeiros días a través das redes sociais e tamén de códigos QR aos que se poderá acceder en diferentes puntos da vila.
Cartel promocional da XXVI Feira Medieval de Noia / Cedida
Non obstante, o edil de Cultura adiantou que, un ano máis, un dos actos centrais será o desfile de fachos no que estarán representados todos os gremios e tamén o Portus Apostoli, ademais dos grupos musicais e de animación, e a veciñanza que desexe sumarse. A novidade nesta edición é o cambio do percorrido, xa que «partirá do concello e rematará no casco histórico, que é o centro da feira».
Tamén haberá un desfile infantil que sairá da casa consistorial e acabará na Praza do Tapal.
As rúas do casco histórico estarán animadas por grupos musicais e diversos espectáculos itinerantes cada 20 minutos.
Máis demanda de postos
José Pérez sinalou que «este foi o ano de maior demanda de instalación de postos, e tivemos que deixar fóra preto de trinta propostas». A oferta será moi variada, maioritariamente postos de artesanía e alimentación, e este ano habilitarán tamén espazos de comidas de lecer, para que se poidan xuntar as familias.
Como vén sendo habitual contarán cun amplo dispositivo de seguridade, que terá o centro operativo no Coliseo Noela. Haberá efectivos de seguridade privada e da Garda Civil, Policía Local e Cruz Vermella. Tamén se habilitarán baños públicos.