O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, asinou en Madrid o documento co que se pechou a adquisición, por parte do Concello, do solar no que se levanta o edificio do antigo Instituto Nacional de Emprego (INEM), ubicado na avenida Benito Vigo. A intención do Executivo municipal é agora derrubar a ruinosa construción para deixar despexado o terreo e comezar a deseñar nel a que será a sede de Servizos Sociais.
Os técnicos xa están traballando no contrato e no proxecto de demolición, que se executará en setembro ou outubro. A intervención leva aparellado un orzamento de 50.000 euros, no que se inclúen a demolición e o tratamento dos residuos para que a parcela quede diáfana.
A antiga sede do INEM puxo punto e final á súa actividade no ano 2007, cando o servizo de Emprego se trasladou ata as actuais dependencias na rúa Justo Martínez. O inmoble tiña asociado un dereito de uso por parte de patronal e organizacións sindicais. Tras 15 anos de negociacións, chegouse a unha saída pola vía da compra ao Ministerio de Traballo. A cifra acordada foi de 126.609,11 euros, que as arcas estradenses afrontaron grazas aos fondos aportados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia.
Neste céntrico solar o Goberno local proxecta un centro integrado de Servizos Sociais, valorado en 2,5 millóns. O obxectivo, segundo o alcalde, é crear un edificio moderno e acorde ás necesidades actuais. «Un espazo do século XXI para uns Servizos Sociais do século XXI», afirmou.