As obras «Mulleres que viven xuntas», «Erin e o lobo» e «O corvo sobre a neve» resultaron gañadoras do XLII Premio Xerais de Novela, o XL Premio Merlín de Literatura Infantil e o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. As autoras dos textos son, respectivamente, Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Ao respeito do Xerais 2025 de Novela 2025, o xurado acordou declarar gañadora a obra «Mulleres que viven xuntas» que trala abrir a plica, soubose que a autora era Rocío Otero, aínda que firmou baixo o pseudónimo Abril Camino.
Segundo o resumo que fai Xerais no seu comunicado, «En 1955, despois da morte do seu pai, Isabel, que aínda non fixo os dez anos, vese na obriga de marchar para Londres, onde será acollida polos tíos. Cando en 1968 regresa á súa aldea, preto de Compostela, coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen vai iniciar unha relación de amor que durará toda a vida. O medo ao que dirán e a manifestar de maneira aberta a súa situación sentimental en pleno réxime de represión franquista provoca que manteñan un segredo que lles vai afectar profundamente, sobre todo a Isabel, unha muller moi liberal en contraposición ás ideas máis conservadoras de Chus. Cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, Mulleres que viven xuntas é unha novela que interpela as lectoras e lectores para reflexionar sobre as repercusións da orientación sexual e sobre as enormes dificultades a que algunhas persoas se tiveron que enfrontar durante a represión franquista e incluso na democracia, co que iso supuxo para o desenvolvemento da súa personalidade e das súas emocións. Unha obra conmovedora tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración pola falta de liberdade e pola dor que provoca a perda das persoas queridas»
A autora considera a súa obra «unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos».
Rocío Otero naceu en Lugo o 4 de decembro de 1980, aínda que vive dende sempre na Coruña. A súa paixón son os libros, feito que motivou que estudara Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e, posteriormente, Filoloxía Inglesa na UNED, ao tempo que cursaba un máster en Edición e comezaba a impartir aulas de linguas (castelán, galego e inglés).
O xurado dos premios Xerais 2025 estivo composto pola xornalista de Faro de Vigo, Mar Mato; Bárbara Fernández López, correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks); Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín); Ana Viqueira (xornalista en Nós TV); Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira); e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Nesta edición presentáronse 58 obras ao premio.
«Erin e o lobo», Premio Merlín 2025
Sobor a obra gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil, «Erin e o lobro» de Érica Esmorís, o xurado estivo formado por Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Presentáronse 47 obras.
«Erin e o lobro» e unha «intensa e emotiva novela escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder absoluto do amor», destaca o xurado. Narra, segundo o comunicado de Xerais, «unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario, na cal, segundo destacou o xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, a eficaz combinación entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes de gran carga simbólica e o ritmo áxil dunha acción ben tramada contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura».
Para Érica Esmorís, este é un libro moi especial. «É unha historia que nace da fraxilidade, da tenrura e dos vínculos que me sosteñen», conta. Ademais, gañar o Premio Merlín «de novo dez anos despois e facelo xunto a Andrea Maceiras fai que este momento sexa aínda máis emocionante e completo», explica.
Amante dos animais, Érica Esmorís estudou veterinaria pero logo duns anos exercendo cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Como narradora foi recoñecida con importantes premios como Premio Merlín de Literatura Infantil con «Nena e o mar» (Xerais, 2015), o Premio de Narrativa Infantil Ciudad de Málaga e Frei Martín Sarmiento con «Patio de luces» (Xerais, 2020) ou o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil con «Esta é a miña historia e terás que crela» (Xerais, 2025).
O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, Premio Jules Verne 2025
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada «O corvo sobre a neve», presentada baixo o lema «Sosias», e que resultou ser de Andrea Maceiras. «Intentando fuxir da Zona Temperada, a nave onde Dryas viaxaba xunto coa nai e mais o irmán pequeno é atacada. El é o único supervivente. Falamos da era da Glaciación, onde, se sobrevivir xa non é sinxelo, un pasado oculto e descoñecido e a organización da comunidade pode poñercho aínda máis complicado», resumen dende Xerais.
A medio camiño entre a fantasía, a ficción científica, a novela distópica e mesmo a aventura, «O corvo sobre a neve» é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados. «Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración».
O xurado da XVII deste Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou «a calidade da obra presentada, así como o bo emprego da lingua nunha narración limpa con trazos líricos cuxo final, predicible e ao mesmo tempo inesperado, contrasta coas duras vivencias dos personaxes ao longo da trama».
A autora, Andrea Maceiras, explica que a súa intención era «crear unha distopía na que se amosan as infinitas maneiras nas que pode salvarnos a literatura». Deste xeito, trátase dunha historia «que busca render homenaxe ás voces da LIX clásica universal mais, sobre todo, que procura o desfrute de quen se achegue a ela, do mesmo modo que para min se converteu nun refuxio mentres a escribía», conta.
O xurado estivo composto por Jorge Rodríguez Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista), e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Ao premio concorreron 26 obras.
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e doutora pola UDC. Dende que publicou a súa primeira novel, «Proxecto Bolboreta (Premio Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007, leva xa outras 17 obras, todas elas destinadas ao público infantil e xuvenil.
Día e lugar da festa de entrega de premios
Este ano presentáronse aos premios 121 orixinais, o que supón o dato de participación máis alto dos últimos anos. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 11 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.