O Concello de Vimianzo non falta á súa cita coa celebración do Día das Letras Galegas e faino cun cargado programa cultural con actividades que se prolongan durante todo este mes de maio e que levarán o propio selo do municipio.
Mañá, domingo, terá lugar, no Auditorio dende as 16.30 horas, a Mostra Escola Teatro Infantil. Para a vindeira fin de semana, co Auditorio tamén como escenario, as escolas de música serán as protagonistas: o sábado co Festival Escola Municipal Música Tradicional e o domingo celebrarase o Festival Escola Municipal Música Moderna.
A programación arredor do Día das Letras Galegas en Vimianzo pecharase a última fin de semana de maio cunha triple xornada con propostas variadas. O venres 30, dende as 20.30 horas terá lugar na sala de exposicións a inauguración da Exposición Escolas de Arte e Panillo; o sábado 31 a Escola Municipal de Teatro actuará no Auditorio con Milagre no Convento e o domingo día 1 de xuño acollerá a representación da obra Un alto no camiño, a cargo da Escola Municipal de Teatro.