Din que o francés é o Camiño por excelencia. O itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente.
Segundo a web oficial do Camiño de Santiago, a ruta gala foi descrita xa en 1135 no Codex Calixtinus, libro fundamental xacobeo. O Libro V deste códice constitúe unha auténtica guía medieval da peregrinación a Santiago. Nel especifícanse os tramos do Camiño Francés desde terras galas e informa detalladamente dos santuarios da ruta, da hospitalidade, das xentes, da comida, das fontes, dos costumes locais, etc. Todo está escrito coa síntese e claridade que necesita unha resposta práctica a unha demanda concreta: a peregrinación a Santiago.
Desta mesma síntese e claridade fixeron gala os alumnos do CPR Virxe Milagrosa de Bueu, que, xa en tempos actuais, veñen de gañar (e recoller) un dos catro premios repartidos na categoría de audiovisual do Certame Escola en Camiño grazas a súa xenial guía da peregrinación a Compostela para o século XXI.
Na imaxe inferior, un dos traballos reflectidos polo vídeo gañador. / Cedida
Non perden ripio. Con fotos, textos, debuxos e por suposto mapas colocados estratexicamente en cartolinas de cores, os estudantes elaboraron composicións para narrar a súa particular visión sobre os itinerarios xacobeos con datos sobre a súa historia, iconografía, percorrido; e, despois, plasmaron tanto o proceso como o resultado do seu traballo en vídeo.
Unha peza que ten todos os compoñentes precisos para recordarnos as múltiples dimensión do Camiño como unha experiencia espiritual, si, pero tamén histórica, literaria, natural e mesmo gastronómica. Parabéns a todos polo galardón! O resultado foi excelente!