Preto de 200 persoas participaron nas catro edicións das andainas teatralizadas polo Mar de Ovellas, unha proposta cultural organizada polo Concello de Ames dentro do programa Rosalía 2025.
As rutas, desenvolvidas entre febreiro e abril, incluíron tres saídas para estudantes do IES do Milladoiro e do IES de Ames, e unha última sesión aberta ao público xeral celebrada o pasado domingo 27 de abril. A esta derradeira cita asisitiron 45 persoas que, guiadas polo grupo teatral Os Quinquilláns e acompañadas pola música de Luís O’Caruncho, puideron descubrir os recunchos históricos e literarios da Costa do Mar de Ovellas.
O percorrido, de cinco quilómetros e dificultade media, seguiu parte do Camiño de Fisterra-Muxía, cunha duración aproximada de dúas horas. Ademais, estivo baseado no poema rosaliano A probiña, que está xorda…!, que se localiza en dita costa e que está recollido no libro Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro e que profundiza na relación entre as Terras da Maía e a propia vida e obra da poetisa.