Ás portas do inicio do mes do salmón na Estrada co arranque da tempada de pesca nos cotos que o río Ulla brinda a este municipio, o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, deu a coñecer o nome do pregoeiro da LI Festa do Salmón. O elixido é o actor, humorista, produtor e director Xosé Antonio Touriñán.
En calidade de pregoeiro, Touriñán será tamén un dos homenaxeados coa insignia Salmón de Ouro. O actor pronunciará o pregón na parte máis institucional do programa da Festa do Salmón, ao mediodía do domingo 18 de maio.
«É un dos actores máis queridos de Galicia, cunha gran traxectoria a prol da cultura galega, e queremos que estea presente como unha das caras desta nova etapa da Festa do Salmón», apuntou o alcalde.