A comisión para a Recuperación da Memoria Históricado do Barbanza (CRMHB) anunciou este martes en Ribeira dúas novas iniciativas clave para a recuperación e divulgación da memoria histórica na comarca: a presentación do libro ilustrado Diarios de Julio Silva e a convocatoria do I Certame de Memoria Histórica do Barbanza, en colaboración coa Nova Escola Galega.
O acto de presentación contou coa presenza da concelleira de Cultura, Antía Alberte; o presidente da CRMHB, Carlos Cimadevila; e o membro vocal da mesma, Xoán Hermida.
Tal e como indicaron na presentación, este sábado 8, ás 19.00 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá a presentación do libro ilustrado. A obra está baseada nos escitos persoais de Julio Silva Vilas, un sindicalista, xornalista e activista republicano de Ribeira, que foi asasinado en Santiago o 29 de xaneiro de 1937 pola represión franquista.
Según destacou Carlos Cimadevila, este libro-álbum, baseado nas memorias que escribiu no cárcere, ofrece unha visión íntima do pensamento e da vida de Silva Vilas, quen foi secretario xeral da UGT en Ribeira, membro da Juventud Cultural Republicana e colaborador en xornais como La Lucha, RAIG ou Ser.
Durante a súa intervención, Antía Alberte quixo agradecer á CRMHB pola súa labor ao poñer «en valor o coñecemento do noso pasado». «Son cousas que custan lembrar e dixerir pero é necesario porque ese pasado axúdanos a ter consciencia do noso presente e axúdanos a construír un futuro», engadiu.
Xoán Hermida anunciou tamén a creación do I Certame de Memoria Histórica do Barbanza, unha iniciativa organizada conxuntamente coa Nova Escola Galega para «recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente materiais sobre a memoria histórica» e mellorar a educación.
Os materiais didácticos que se presenten ao certame deberán estar dirixidos a educación infantil, primaria ou secundaria (ESO, Bacharelato e FP) e abordar calquera tema relacionado coa Memoria Histórica e a Memoria Democrática dentro do currículo educativo galego.