A Feria Internacional de Turismo (Fitur) 2025 abre as súas portas no recinto de IFEMA en Madrid este mércores 22 de xaneiro, mostrando o mellor do turismo nacional e internacional e na que estarán presentes moitos dos concellos da Área de Santiago coas súas propostas para por en valor o patrimonio cultural local.

Cun especial foco no turismo sostible, a innovación e a colaboración entre entidades, estas son as diferentes propostas que traerán os concellos de Área aos ‘stands’ de Fitur 2025.

Barbanza/Muros-Noia

Mancomunidade Barbanza Arousa

A Mancomunidade Barbanza Arousa, integrada polos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, presentará a súa campaña ‘Barbanza Arousa, siempre querremos volver’ o xoves 23 ás 18.00 horas no ‘stand’ de Turismo de Galicia. O espazo versará sobre “a fidelización do visitante e a oferta de desconexión da rutina os 365 días do ano”.

A Mancomunidade Barbanza Arousa levará a súa esencia a Fituar coa presentación de «Siempre querremos volver» Cedida


A presentación estará acompañada por un extracto da curtametraxe ‘Siempre querremos volver’, que será estreada proximamente e que busca “dar apoio á personalidade do propio destino, que recolle todas as características necesarias para ofrecer unha desconexión da rutina tan necesaria nos nosos tempos”.

Durante Fitur, a Mancomunidade recollerá o distintivo de Destino Turístico Intelixente, outorgado por Segittur, nun acto o xoves 23 ás 16.45 horas, converténdoo no primeiro destino supramunicipal de Galicia en obter este distintivo. Ao mesmo tempo, os representantes da Mancomunidade reuniranse con turoperadores e axentes dixitalizadores, e haberá un tótem publicitario nunha das entradas ao pavillón expositivo.

Padrón

Padrón terá unha destacada presencia en Fitur, cunha delegación encabezada polo alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, que buscan “afianzar os bos resultados acadados o pasado ano e seguir posicionando o concello como referente en tradición, gastronomía e cultura”. Haberá máis de 1.100 metros cadrados de espazo e 25 metros de pantallas LED dedicados ao concello.

O ‘stand’ de Padrón en Fitur 2024 Cedida


Padrón estará representado no ‘stand’ de Galicia, xusto á entrada do pavillón, cun tótem de catro caras resaltando os elementos máis significativos do municipio, así coma nos ‘stands’ Q de Calidade e S de Sostibilidade, certificacións que obtivo a Oficina de Información Turística en 2024.

O xoves 23 pola mañá, Padrón presentarase como Pobo Máxico, unha distinción única en Galicia e que busca destacar o carácter singular e o patrimonio cultural da vila. O concello tamén terá presencia na introdución en Fitur das Once Xornadas da Lamprea, que se celebrarán os dous últimos fins de semana de marzo, e que contarán cunha reportaxe na revista especializada ‘A Alacena Roja’.

Algúns dos folletos informativos ofrecidos por Padrón na pasada edición de Fitur Cedida


Os visitantes poderán obter información sobre Padrón no mostrador dedicado ao Camiño de Santiago, do cal o concello é un punto clave, asistindo ás presentacións da Traslatio, a Vía Mariana e a nova campaña de Turismo da Deputación da Coruña. Tamén haberá reunións de representantes do goberno local con especialistas do sector e medios especializados.

A Ría da Estrela

A Ría da Estrela, composta polos concellos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son, estará en Fitur para presentar dúas novidades da súa oferta turística: o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da ría de Muros e Noia e ‘Volta de Gloria’, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado nas rutas xacobeas do Camiño de Fisterra e Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia.

O cartel do catálogo de peregrinacións marítimas da Ría da Estrela Cedida


O catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros e Noia busca ofrecer unha maneira distinta de facer o Camiño de Santiago a través da navegación, tal e como fixeron durante séculos os peregrinos do norte de Europa e o Mediterráneo. Será presentado o xoves 23 ás 13.00 horas.

Na travesía, amparada pola Oficina do Peregrino, poderase obter a Compostela facendo 90 millas náuticas en veleiro e polo menos os 12 últimos quilómetros ata Santiago a pé. Existen tres propostas:

  1. O Camiño marítimo a Santiago coa navieira Sailway, unha experiencia de catro días con saída do Monterreal Club de Yates de Baiona ata o Real Club Náutico de Portosín, navegando a vela polos paisaxes das Rías Baixas
  2. A Travesía Náutica Xacobea coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA), que ofrece dúas rutas en veleiro percorrendo os clubs náuticos con distinción Q de Calidade de Galicia
  3. A Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia, unha navegación en grupo de ata 30 embarcacións navegando polas paisaxes máis espectaculares das rías galegas

Unha das rutas organizadas por Ría da Estrela no marco do Camiño de Santiago Cedida


A ‘Volta da Gloria’, que se presentará o venres 24 ás 14.30 horas, é un gran itinerario turístico, paisaxístico e cultural “único no mundo”, segundo remarca o presidente da Ría da Estrela e alcalde de Noia, Santiago Freire, que vincula as rutas xacobeas do Camiño de Fisterra Muxía e o da Ría de Muros Noia. Trátase dun itinerario circular que sae e acaba en Santiago de Compostela, discorrendo por monumentos naturais coma o Monte Pindo, o Monte Louro, a fervenza do Ézaro ou a praia de Area Maior.

Deza e Tabeirós

Silleda

O concello pontevedrés estará tamén presente en Fitur, participando con outros concellos da comarca de Deza e Tabeirós no acto organizado dende o GDR Terras de Pontevedra Norte para a promoción das festas de Interese Turístico Nacional e Internacional, baixo o lema ‘Deza e Tabeirós, tradición e gastronomía’.

A Festa da Empanada de Bandeira, na súa edición de 2024 Bernabé / Javier Lalín


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, intervirá o xoves 23 para falar da Festa da Empanada de Bandeira, que foi declarada en setembro de 2024 coma Festa de Interese Turístico Nacional, engadindo ese recoñecemento a outras festas de interese turístico galego no municipio, coma a Romaría da Tortilla ou o Entroido do Ulla. Silleda estará tamén presente o mércores 22 no salón Turexpo, no marco da Semana Verde de Galicia.

A Costa da Morte

Camariñas

O concello da Costa da Morte volve a Fitur para presentar tanto a súa campaña turística coma a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña o próximo xoves 23 ás 17.30 horas no ‘stand’ de Turespaña. A alcaldesa Sandra Insua será a que dará a coñecer o vídeo turístico promocional e o motivo escollido para o cartel da Mostra, que terá lugar durante a Semana Santa, do 17 ao 20 de abril.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, durante a presentación do ‘stand’ do concello en Fitur Cedida


A rexedora asegura que tanto o vídeo coma o cartel “están moi ligados á nosa terra e á nosa tradición, pola súa temática e porque están feitos e protagonizados por veciños de Camariñas e da Costa da Morte”, e está convencida de que vai gustar. Ademais da súa presenza en Fitur, mostraranse tanto o vídeo coma o cartel nas pantallas localizadas en Callao, Gran Vía e o Mercado de San Miguel, no centro de Madrid.

Tamén se presentará a camiseta oficial da nova edición da Mostra, de novo obra do deseñador galego afincado en Marbella Esteban Freiría. Por outro lado, está programada unha reunión no ‘stand’ da Comunidade de Madrid con representantes da corporación municipal de Valdemorillo para estudar unha posible colaboración entre os municipios, dada a súa tradición común arredor do encaixe e as palilleiras.

Carballo

Carballo tamén terá presenza en Fitur a través da Deputación da Coruña, onde o recoñecido pan de Carballo terá un lugar especial na presentación da nova campaña de promoción impulsada polo organismo provincial, liderada polo seu vicepresidente Xosé Regueira, encargado da área de Turismo tanto da Deputación coma do Concello.

O pan de Carballo, protagonista en Fitur 2025 Cedida


Regueira asegura que a presentación da campaña ‘A Coruña, turismo sostible’, prevista para o mércores 22 ás 13.00 horas, pon o foco na gastronomía e no territorio, “promovendo a preservación do medio ambiente e impulsando o sector agroalimentario coma elemento clave para un turismo de calidade”. Durante esta presentación repartiranse bolsas promocionais nas cales se incluirá un molete de pan de Carballo.

O xoves, Carballo tamén participará na xuntanza da Rede de pobos do surf, integrada por Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria), Castrillón (Asturias) e a Mancomunidade da comarca de Ferrol e Carballo en Galicia. O obxectivo da rede é a xestión sostible do turismo de surf, promocionando a protección das ondas e da costa e a súa regulación.

Noutra orde de cousas, a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, asistirá o día 27 a Madrid Fusión, o recoñecido congreso de gastronomía que cumpre 30 anos, e no cal o municipio da Costa da Morte estará representado polas empresas Costumes –que elaboran empanadas artesás no polígono de Bértoa– e La Despensa D’Lujo –que comercializa produtos agrícolas “de primeira calidade” en Carballo–.

Muxía

O pobo costeiro promocionará en Fitur a súa nova aposta turística e cultural: a I Semana de Exaltación do Percebe, unha inciativa do novo goberno local para “poñer en valor e preservar a identidade muxiá” vinculada á cultura, tradición e natureza. A concelleira de Cultura e Turismo, Sandra Vilela, e o alcalde, Javier Sar, están presentes na feira madrileña.

O cartel de presentación da I Semana de Exaltación do Percebe de Muxía en Fitur Cedida


Durante as datas nas que se celebrará este novo evento, que aínda están por desvelar, Muxía acollerá degustacións de produto, pero Vilela asegura que estas non serán o fío condutor, xa que o seu obxectivo non é crear unha festa gastronómica, senón unha semana que xire en torno a tres eixos –con cadansúas actividades–: “valoración da identidade e cultura, coidado e sustentabilidade da natureza e o papel da muller de xeito especial no mundo do mar”.

Os dous representantes muxiáns xa teñen preparadas reunións con diferentes axentes turísticos de Fitur para explicarlles este novo proxecto, que definen como “un xeito diferente de promover o turismo máis pensado e mimado, que fuxa das aglomeracións porque si”.

Vimianzo e Dumbría

Os dous concellos da Costa da Morte unen forzas cun ‘stand’ conxunto en Turespaña en Fitur, coa súa campaña ‘MiraQVistas’, que busca poñer en valor dous dos miradoiros máis espectaculares de toda a Costa da Morte: o de Cereixo, recentemente inaugurado, e o do Ézaro, de fama incontestable. A súa presentación terá lugar este xoves 23 de xaneiro ás 17.50 horas.

O Miradoiro de Cereixo, en Vimianzo Cedida


Segundo os concellos, os dous destacan polo seu “carácter singular, situados nas desembocaduras de ríos e ofrecendo unhas vistas privilexiadas do mar”. Nelas, os visitantes poden gozar da beleza salvaxe da Costa da Morte dende “unha perspectiva aérea inigualable”.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, asegurou que Fitur é unha grande oportunidade para dar a coñecer o miradoiro de Cereixo, e un paso máis para consolidalo como miradoiro Starlight, xa que dende o mesmo se pode gozar da observación astronómica. O rexedor de Dumbría, Raúl González, asegura que os asistentes poderán coñecer máis detalles das marabillas que ofrecen os miradoiros, e afirmou que a unión “é clave para situar a Costa da Morte coma un destino único, natural e de experiencias”.

A Fervenza do Ézaro, en Dumbría Cedida


Polo seu lado, Dumbría presentará a maiores o mércores 22 unha nova fase do seu proxecto turístico, ‘Dumbría 5.0’, un “ambicioso proxecto” para crear unha experiencia turística inmersiva e dixital a través dunha plataforma web de tours virtuais con imaxes e vídeos en 360 graos, enmarcado dentro da estratexia Dumbria AR da área de turismo do concello e desenvolto pola empresa granadina AR VISIÓN.

O seu obxectivo principal é “promocionar o patrimonio cultural e natural do municipio e facilitar a visita aos seus diferentes puntos de interese a un público máis amplo”. O proxecto componse de 34 puntos de interese relacionados entre si con diferentes temáticas, e poderase acceder dende calquera dispositivo móbil ou ordenador, ademais de ser compatible con gafas de realidade virtual.

Vimianzo e Laxe

Vimianzo tamén irá da man de outro concello, neste caso de Laxe, para presentar en Fitur “a maxia que envolve aos Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida”. Esta presentación terá lugar o xoves 23 ás 11.30 horas no ‘stand’ de Galicia, onde contarán coa colaboración da Xunta.

Os encargados de levar este recurso turístico ata Madrid serán os rexedores de Vimianzo e Laxe, Mónica Rodríguez e Francisco Charlín, respectivamente. Destacarán a impresionante vista ao océano Atlántico que ofrecen estes penedos, así coma a súa biodiversidade e xeografía singular.

Rodríguez mostrouse clara á hora de mostrar a importancia de “coidar, protexer e divulgar este enclave, que mostra á perfección a riqueza natural da nosa terra”. Pola súa parte, Charlín destacou que é “unha grande ocasión para dar a coñecer a nosa terra e apostar por un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente”.

Fuente