Fina Paulos Lareo, profesora do IES Maximino Romero de Lema (Zas) foi seleccionada como finalista nos VIII Premios Educa Abanca (considerados os Goya do eido educativo)na categoría de Secundaria e Bacharelato, sendo recoñecida como unha das dez mellores docentes de España.
Este logro engádese a unha traxectoria de éxitos que xa inclúen o 2º premio Educa Abanca en 2019 na categoría de FP.
Fina Paulos, cunha ampla experiencia no ensino, destacou nos últimos anos pola súa capacidade de innovación e pola introdución de novos enfoques pedagóxicos, especialmente no campo da Intelixencia Artificial, onde coordinou proxectos co seu alumnado que axudaron a fomentar valores e a mellorar a vida das persoas con diversidade.
Ademais de ser unha docente comprometida e inspiradora, publicou recentemente o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, unha obra que explora o potencial da IA como ferramenta educativa e o seu impacto na sociedade contemporánea.
Este traballo reflicte a súa visión transformadora e o seu compromiso por dotar o alumnado das competencias necesarias para enfrontar os retos do futuro.
Fina destaca tamén como persoa formadora de compañeiros e compañeiras no ámbito da IA e outras disciplinas, xa que colabora con diversas institucións, como o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o Centro de Formación e Recursos, entidades dependentes da Consellería de Educación. Tamén colaborou con moitas entidades sen ánimo de lucro da comarca para difundir a IA entre a poboación.
Nos últimos anos estivo presente en foros educativos de primeiro orde amosando a súa experiencia aos docentes, como o Seminario de Transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, da Organización de Estados Iberoamericanos, coa que colabora publicando artigos educativos e exercendo de relatora en congresos.
Tamén participou no Congreso nacional de Escolas Rurais trasladando a súa experiencia educativa en IA nas aulas.
A todo isto súmanse os logros acadados por ter coordinado proxectos educativos co seu alumnado que fixeron posible levar o nome do IES Maximino Romero de Lema por toda España: Festival Plasencia en Corto; II Certame de enfermidades raras; Festival Foco; Semana de diversidade sexual de Nigrán; primeiro e segundo premio polo fomento á doazón de órganos, convocado polo Sergas; premio OUFF Escolas, do Festival internacional de cine de Ourense; e o recente premio acadado con IA Unha constitución para todos, que outorgou o Ministerio de Educación ó alumnado de 3º da ESO do seu centro, coordinado xunto con Óscar Rey.
Ao coñecer a nova da súa selección como finalista, Fina Paulos expresou a emoción que sente cunha mensaxe nas redes sociais, que resume o que este recoñecemento significa para ela. «Estou inmensamente agradecida (xa o estaba por estar nomeada polo meu alumnado do Maximino Romero de Lema) porque agora demos un paso máis e xa son finalista oficial nos premios Educa Abanca, na categoría de Secundaria e Bacharelato a mellor docente de España. Estou entre os 10 mellores docentes do noso país e, pase o que pase na gala final, son afortunada por ter contado cun gran alumnado e magníficos compañeiros que me axudaron».
Tamén agradece o apoio da súa familia e amigos e aproveita para agradecer todo o apoio recibido polos compañeiros e equipo directivo do IES Maximino Romero de Lema, que a apoiaron dende que obtivo o seu destino definitivo alí.
A docente fai extensible este logro á educación no rural, «onde se fan grandes cousas que moitas veces pasan desapercibidas».
Finalmente, destaca o papel docente na ensinanza «como a clave para que todo o sistema funcione e que se valore máis o traballo que fan os compañeiros e compañeiras, moitas veces en contornas complexas».