Despois de catro representaciós ao longo de todo o mes de novembro, o ciclo teatral de outono da Pobra péchase este domingo 1 de decembro coa quinta e derradeira función.
«Como xa é habitual, cada outono apostamos polas artes escénicas dentro da oferta cultural dada a boa acollida. A dramaturxia xa tivo un papel clave no mes de outubro coas XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, a cal nos aproximou ao universo valleinclaniano grazas ao talento interpretativo de compañías de renome. E durante todo o mes de novembro e a primeira semana de decembro tivemos o ciclo teatral do outono. Pero, agora, tamén como ferramenta de sensibilización«, apunta a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.
Nesta ocasión, Malasombra Producións subirá ao escenario do Elma con Testosterona, o domingo ás 19.00 horas. Unha obra protagonizada por Luis Iglesia e Camila Bossa que expón a desigualdade laboral. Nela, un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación de ámbito nacional e formúlase a pregunta de que factores influirán na decisión.
O acceso é libre ata completar o aforo.