A gastronomía da Costa da Morte e Barbanza conquistou os padais máis exquisitos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico – Xantar, celebrado na cidade de Ourense.
Os asistentes volveron renderse aos sabores de Mazaricos. José Manuel Carreira, do Asador Manduca, ofreceu un showcooking de chuletón de vaca á brasa. Elaborou a carne en directo explicando o proceso polo que este produto acada o seu particular sabor e puxo en valor o importante sector gandeiro mazaricán.
E a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, representada por Laura Prado e Esther Muíño, presentou os afamados bolos do pote, un produto que conta cunha feira propia anual e unha longa historia, pois xa aparece nos versos de Rosalía de Castro durante o século XIX.
Os cogomelos e as posibles elaboracións a partir destes, do Asador Manduca, e o leite e os produtos cárnicos cedidos pola empresa Rebeiroa foron outros dos atractivos da mesa mazaricá.
Pola súa banda, o Concello de Vimianzo promoveu tamén dous showcookings nos que o chef local, Fabián Mouzo, preparou os tradicionais callos de Carnés e o innovador pincho Manciñas, recheo de fazula de porco celta e boletus con salsa de Mencía, inspirado na festa do Asalto ao Castelo. Ademais, estiveron presentes establecementos como Cárnicos Domínguez, Mel Perillán e Coído de Sabadelle. Non faltou tampouco a artesanía local, da man de Ana Trasariz e Suidade.
E Ribeira conquistou Xantar co seu mar. Percebes, navallas e polbo foron os protagonistas de dous showcookings impartidos polo prestixioso chef boirense Miguel Mosteiro, quen mesturou novas propostas co tradicional. Experimentou cuns callos utilizando a navalla de trampeante, e tamén con crema de coliflor con polbo da lonxa de Ribeira na súa allada, para pasar despois ás receitas máis tradicionais. O recendo dos produtos exerceu de efecto chamada ás numerosas persoas que se achegaron ao espazo gastronómico do concello ribeirense.
A Deputación da Coruña tamén contou cun expositor propio en Xantar, no cal, baixo o lema A provincia que sabe, promocionou algúns dos destinos turísticos da provincia e a súa gastronomía.
Na cidade das Burgas estiveron representadas 17 das 123 festas gastronómicas da provincia e ofrecéronse máis de 20 degustacións. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, salientou que a gastronomía é un «elemento clave para ser máis competitivos, e temos a sorte de ser unha provincia que aínda mantén as catro estacións, un destino de refuxio, o que posibilita que contemos cunha cociña estacional, sendo máis atractivos en calquera mes do ano».