O porto de Portocubelo, en Lira (Carnota), acolleu este sábado unha concorrida degustación popular de produtos da reserva mariña Os Miñarzos, promovida pola Confraría de Pescadores de Lira co apoio da Xunta e o Concello de Carnota.
O asistentes poideron deleitar os seus padais con exquisitos mariscos como percebes, navallas, nécoras, berberechos e polbo, entre outros.
Unha xornada de exaltación da rica e variada gastronomía vinculada ao mar na que participou tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen puxo en valor o labor da confraría de Lira por destacar a calidade dos produtos do mar, integramente da reserva, certificados coa marca pescadeRías, de onde se non?, que garante que foron capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda e con artes de pesca moi selectivas.
A xornada estivo amenizada musicalmente pola Coral Polifónica Mar de Ardora e as Pandereteiras da Solaina, da Escola Municipal de Música de Carnota. A experiencia repetirase o sábado 3 de agosto.