A Escola de Práctica Xurídica (EPX) de Santiago, dependente da USC e do Colexio de Avogados de Santiago, celebrou este venres 15 de marzo pola tarde o seu tradicional acto anual para despedir aos 45 alumnos e alumnas da undécima promoción (2022/2024) do Mestrado Universitario en Avogacía.
Ao acto, celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asistiron 300 persoas e serviu ademais para recoñecer a colaboración das distintas institucións e profesionais que participan nas actividades formativas da Escola de Práctica Xurídica.
A celebración do acto contou coa presenza do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni.
Tamén estiveron presentes os decanos do Colexio da Avogacía de Santiago, Francisco Rabuñal, e do Colexio de Procuradores de Santiago, Fernando González-Concheiro; o xuíz decano de Santiago, Andrés Lago Louro, representantes das forzas de seguridade e varios alcaldes e alcaldesas da comarca, entre outras autoridades académicas, da administración de xustiza e das administracións públicas.
Ademais do alumnado da promoción 2022-2024, acompañado dunha importante representación dos seus familiares, asistiu tamén a este acto o corpo docente do mestrado, formado por profesorado universitario, profesorado externo e titores/as de prácticas externas.