O Concello de Santiago abonou xa o 78,8% da débeda pendente cos traballadores dos centros socioculturais e confía en liquidar o 21,2% restante “máis axiña” a través dun novo procedemento de retención de facturas que foi iniciado a mediados de agosto. Así o explicou o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, que asegurou que a parte da débeda que correspondía asumir a Raxoi quedará resolta unha vez se complete este proceso.
Duro lembrou que, no marco do procedemento iniciado para facer fronte ás cantidades pendentes, o Concello retivo as facturas de Serviplus, a anterior concesionaria, de outubro a decembro de 2025 correspondentes á débeda xustificada cos traballadores. Con esa fórmula pagaron o 78,8% da débeda que a empresa tiña co persoal ao non terlles abonado as nóminas desde o outono pasado ata que quedou desvinculada do servizo en febreiro deste ano.
O concelleiro explicou que quedaron dúas facturas sen presentar inicialmente pola empresa e que foron retidas posteriormente, hai aproximadamente dúas semanas. Con esas cantidades deberá repetirse o procedemento xa realizado. “Eu confío que sexa máis rápido porque xa se fixo”, sinalou Duro, que considera que o Concello poderá ser agora “máis áxil” para facer efectiva cantidade que permanece pendente.
Unha vez completado o pagamento, Duro considera que quedará liquidada a parte que corresponde á Administración local. “No que ten que ver coas responsabilidades do Concello quedaría liquidada”, afirmou. As posibles reclamacións dos traballadores directamente fronte á empresa, engadiu, quedan fóra das competencias municipais.
Normalidade coa nova concesionaria
En relación coa actual concesionaria dos centros socioculturais, Os Ventos, que leva aproximadamente seis meses á fronte do servizo, Xan Duro asegurou que a relación co Concello é “absolutamente normal” e que a empresa está cumprindo as súas obrigas.
O concelleiro salientou, ademais, o esforzo realizado desde o inicio para solucionar canto antes os problemas puntuais que poidan xurdir, tendo en conta a situación laboral e de funcionamento coa que chegou o servizo tras a etapa da anterior empresa. O obxectivo, explicou, é garantir “que se preste o servizo con absoluta normalidade” e recuperar os usuarios que puideron afastarse debido ás circunstancias nas que estaban os centros.
Implicación da veciñanza
Duro engadiu que o Concello quere aproveitar esta nova etapa para reforzar o papel dos centros socioculturais como ferramentas de dinamización dos barrios. Neste sentido, aposta por que as propias entidades e colectivos veciñais propoñan e desenvolvan actividades.
O edil fixo estas valoracións nunha comparecencia para presentar a programación do novo curso, que inclúe máis de 500 actividades con monográficos sobre intelixencia artificial, robótica ou manexo de aplicacións para realizar trámites en liña. O prazo de preinscrición comezou este xoves e remata o próximo 14 de setembro.













