Logo y organizadores, patrocinadores y colaboradores de la Gala del Deporte. / LOC
Quero comezar felicitando a LA OPINIÓN polo traballo que realiza cada día dando visibilidade ao deporte coruñés. Por acompañar aos nosos clubs, ás nosas familias, aos nosos nenos e nenas. Porque son xa moitos anos axudándonos a contar algo que nesta cidade temos moi claro: A Coruña non se entende sen deporte.
Non se entende sen o esforzo silencioso de quen adestra cada tarde. Non se entende sen as familias que organizan a súa vida arredor dun calendario de competicións. Non se entende sen os clubs que forman en valores antes que en resultados. E iso é o que celebramos hoxe aquí. Celebramos talento, si. Pero sobre todo celebramos constancia, compromiso, compañeirismo e superación.
O 2026 vai ser un ano histórico no ámbito deportivo para a nosa cidade. Máis de vinte eventos nacionais e internacionais van converter A Coruña nun referente do deporte base, da inclusión e do turismo deportivo. Desde grandes competicións internacionais ata esas probas que enchen as nosas rúas e tamén o noso mar, estamos demostrando que o deporte é tamén motor económico, social e turístico.
E por iso sempre digo que investir en deporte é investir en saúde É investir en educación. É investir en igualdade. É investir no futuro da cidade. Cada campionato que organizamos xera actividade, emprego, proxección internacional e orgullo de pertenza. Vímolo recentemente coa media maratón, que volveu encher a cidade cun récord de máis de 5.000 persoas inscritas.
Pero se algo define de verdade esta cidade é que o deporte non é algo puntual. É parte da nosa identidade. Está nas grandes citas, pero tamén no día a día: nos pavillóns, nos campos, nas pistas e nos barrios. Porque cada neno ou nena que comeza no deporte base é tamén unha aposta de futuro. Estou convencida de que, ademais dos grandes eventos, 2026 será tamén un gran ano para os nosos equipos referentes.
Vímolo hai apenas uns días en María Pita, celebrando co Liceo un novo éxito que é tamén motivo de orgullo para toda a cidade. E vímolo tamén no traballo constante do Dépor, do Básquet Coruña -que pelexará por volver á ACB-, do OAR -ao que hoxe felicitamos-, do CRAT e de tantas outras entidades que representan o mellor de nós: esforzo, identidade e ambición.
Pero hoxe non é unha noite para falar de cifras. É unha noite para falar de persoas. E tamén, por suposto, ás persoas que levan toda a vida no deporte. Como o noso querido Chuny Bermúdez, que leva o nome da nosa cidade por todo o mundo e que é, sen dúbida, un dos mellores embaixadores da vela que podemos ter nunha cidade que aínda ten que abrirse moito máis ao mar, e que ademáis, -permítanme dicilo- é un gran amigo. Carlos Martínez, flamante campión do mundo, ao que tivemos a satisfacción de recibir en María Pita e comprobar de preto o que significa levar o nome da túa cidade ao máis alto. Como Carlos Cortés, que nos representa na liga ACB de baloncesto. E, como non, a nosa querida Rosa García, a mellor adestradora do mundo de patinaxe. Hoxe recoñecemos tamén o futuro, con nomes como Antón Lagares ou Carla Sesar. Recoñecemos a excelencia individual de Airi Rodríguez, campioa do mundo e de Europa en tiro olímpico, que demostra que na Coruña tamén sabemos dar no branco cando se trata de talento. E tamén a traxectoria e o exemplo de Jacobo Garrido, un dos deportistas máis premiados da nosa cidade e tamén bolseiro municipal, exemplo de superación e de como o talento, cando se acompaña, pode chegar moi lonxe.
Hai tamén momentos especialmente emocionantes nesta gala. Como o recordo a Jonathan Sobrino, que hoxe recibe a súa familia. Ou o recoñecemento a figuras que forman parte da historia do deporte coruñés, como Margarita Miguélez, Carlos Gil ou Augusto César Lendoiro.
Permitídeme rematar cunha nota máis persoal. Hai uns días, nun campionato internacional de taekwondo, tiven a oportunidade de coñecer a Carla. E hoxe tiven tamén a ilusión de poder entregarlle este premio. Ver nos seus ollos a determinación, a humildade e a alegría resume perfectamente o que celebramos esta noite. Ese é o verdadeiro talento base: ilusión e futuro.
Non podo nomear a todas as persoas e entidades que fan grande o deporte coruñés, pero si quero dicirvos algo moi claro: Este orgullo non pertence a un só equipo nin a un só resultado. É un orgullo colectivo. Un orgullo que se constrúe cada día. Nos adestramentos, nos partidos, nas derrotas e nas vitorias. Con esforzo, con respecto e con compromiso. Desde o Concello imos seguir ao voso lado, apoiando o deporte base, mellorando as instalacións e xerando oportunidades. Pero hoxe, sobre todo, queremos dicirvos algo moi sinxelo: Que vos vemos, que vos valoramos, e que estamos orgullosos de vós. Porque o deporte non é só competición. É escola de vida. É comunidade. É identidade. E porque cando o deporte coruñés avanza, avanza tamén A Coruña. Moitas grazas e parabéns a todas e a todos.
Discurso da alcaldesa da Coruña na VIII Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca.














