O socialismo galego despide hoxe a Antón Louro, un dos dirixentes que máis influíu na reconstrución do PSdeG e na estratexia que levou a Emilio Pérez Touriño á presidencia da Xunta en 2005. Louro faleceu este xoves a piques de facer 74 anos, tras unha longa traxectoria política marcada polo seu papel orgánico como «arquitecto» do partido e unha capacidade de diálogo recoñecida por compañeiros e adversarios políticos.
O propio Emilio Pérez Touriño quixo destacar a súa importancia na historia recente do socialismo galego. Á súa chegada á capela ardente, instalada no Tanatorio San Marcos de Pontevedra, o expresidente da Xunta asegurou que «nada do que pasou no PSdeG» durante a etapa na que gobernou Galicia tería sido posible sen a «contribución decisiva» de Louro.
Touriño definiu a quen foi o seu número dous na dirección do partido como un «loitador incansable», sempre comprometido coa «idea da mellor Galicia». «Máis ca un compañeiro foi un amigo», sostivo.
As mostras de condolencias sucedéronse ao longo da xornada dentro do socialismo galego. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que con Louro marcha un «socialista de raza» que axudou a escribir «as mellores páxinas» do partido en Galicia. Segundo subliñou, o seu traballo contribuíu a transformar Galicia desde distintos ámbitos e foi clave para que os socialistas alcanzasen o Goberno autonómico entre 2005 e 2009.
A senadora e concelleira de Vigo Carmela Silva lembrouno como un «home culto, dialogante e boa persoa», destacando a súa capacidade para tender pontes e xerar consenso dentro da organización.
Na mesma liña, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, expresou a súa «fonda tristura» pola morte de quen definiu como un «referente do socialismo galego» e un servidor público «incansable», comprometido co progreso e co benestar de Galicia.
Tamén o presidente da Deputación da Coruña e exsecretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificouno como unha «figura clave do socialismo galego» e un político «sempre comprometido» co país.
Reorganizou o PSdeG
Militante do PSdeG desde 1978, Antón Louro foi secretario de Organización dos socialistas galegos, responsabilidade desde a que se encargou de revitalizar o partido e impulsar a reorganización interna que acabaría facilitando a chegada dos socialistas ao Goberno galego en 2005.
«Antón sentou as bases do mellor PSdeG que houbo ata o de agora: socialdemocracia e galeguismo», lembra un compañeiro de partido, que o define como un dos grandes «arquitectos» do socialismo galego.
Entre as súas iniciativas políticas destacou a creación da Festa dos Socialistas de Galicia, que naceu en Culleredo en 2001 e que posteriormente se trasladou á Carballeira de Caldas de Reis e a Vilagarcía durante a etapa na que Touriño liderou a formación.
Traxectoria política
Nado en Lira (Carnota) o 15 de marzo de 1952, Louro Goyanes era licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi deputado no Parlamento de Galicia entre 1997 e 2004, ano no que renunciou ao escano para encabezar a candidatura do PSOE ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra.
En Madrid exerceu como coordinador dos deputados e senadores galegos. Posteriormente, foi delegado do Goberno en Galicia durante a etapa de José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa, cargo que asumiu en 2009.
Dous anos despois abandonou esa responsabilidade para presentarse como candidato á alcaldía de Pontevedra nas eleccións municipais de 2011. Tras eses comicios, o PSdeG gobernou en coalición co BNG de Miguel Anxo Fernández Lores, etapa na que Louro foi primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo ata o final do mandato, en 2015, cando decidiu abandonar a primeira liña política.
O acto de despedida celebrarase este venres ás 17.00 horas no Tanatorio San Marcos de Pontevedra, onde familiares, amigos e compañeiros de partido lle renderán a súa última homenaxe.













