O Concello de Laxe denuncia publicamente a grave situación provocada pola falta de servizo de internet nas dependencias municipais, que se prolonga desde onte ás 16.00 horas e que continúa afectando ao normal funcionamento da administración local.
Esta incidencia, provocada pola falta de conexión do servizo prestado por Movistar, «está a impedir o desenvolvemento habitual do traballo municipal, dificultando a tramitación administrativa, a atención á cidadanía e a xestión de múltiples servizos que dependen directamente da conexión á rede», afirman.
Desde o goberno local, que preside Francisco Charlín, quérese subliñar que «non se trata dun feito puntual, senón dunha situación que se vén repetindo en numerosas ocasións nos últimos meses, provocando importantes problemas de funcionamento no concello e xerando unha lóxica preocupación pola falta de solución definitiva».
Sen solucións
O Concello presentou xa varias reclamacións formais ante a compañía, solicitando unha solución estable que garanta a continuidade do servizo. Con todo, ata o momento estas reclamacións «non tiveron unha resposta efectiva nin unha solución real ao problema», subliñan.
Ante esta situación, o Concello de Laxe «esixe a Movistar unha solución inmediata e definitiva, xa que un servizo básico como é a conexión a internet resulta hoxe imprescindible para o funcionamento dunha administración pública e para garantir unha atención adecuada á veciñanza».
Outras medidas
Desde o goberno municipal advírtese que, de persistir esta situación, «valoraranse outras medidas para garantir un servizo estable e de calidade, acorde coas necesidades dunha administración moderna e coa responsabilidade de ofrecer unha atención eficaz á cidadanía».














