O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, compareceu na mañá deste venres en rolda de prensa xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para dar conta da resolución do Tacgal (Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia) en relación aos recursos presentados polas empresas concorrentes á licitación do contrato de transporte urbano da cidade.
Duro non dubidou en amosar a “satisfacción” do goberno local polas resolucións do Tacgal aos cinco recursos presentados por diversas empresas aos pregos para a licitación do contrato dos buses. Uns recursos que o concelleiro definiu como “previsibles” nunha concesión destas dimensións: 137 millóns de euros por 13 anos de servizo.
O edil de Compostela Aberta puxo o foco en que o Tacgal “inadmitiu” tres dos cinco recursos e os outros fous foron desestimados, dándolle a razón ao Concello en esixencias coma a “acreditación de ter prestado un servizo similar noutros territorios de máis de 70.000 habitantes”. Para Xan Duro, a resolución “avala o traballo feito” polo goberno local estudanfo outras sentenzas da ONE (Oficina Nacional de Evaluación) e do Tacgal, polo que aproveitou para “agradecer o traballo do persoal técnico” municipal.
Agora Raxoi retoma o procedemento para a concesión deste contrato de transporte urbano, ampliando o praxo para a presentación de ofertas en oito días, os que estivo suspendido mentres o Tacgal non resolvía os recursos. Así, e no convencemento de que estas resolucións “avalan o traballo feito”, o prazo de presentación amplíase ata o 18 de marzo coa intención fo goberno local de que poida chegar “a máxima concorrencia” de empresas licitadoras porque, segundo asegurou Xan Duro: “Non podemos volver a equivocarnos co transporte público”.













