O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, mantivo unha reunión na Confraría de Rianxo cos patróns maiores do Grove, Illa de Arousa, Aguiño, Carril e Rianxo para analizar a situación do sector e os puntos de vertido na ría de Arousa nos que se depositan os lodos extraídos das tarefas de limpeza e dragado de distintos puntos das rías.
Xuntanza do subdelegado do Goberno cos patróns das confrarías da ría de Arousa. / D. G.
Os representantes do sector interesáronse especialmente pola localización destes puntos e polo seu seguimento. Abalde explicou que a proposta pasa por reducir o número de puntos de vertido co obxectivo de facilitar a súa monitorización e seguimento para garantir unha vixilancia exhaustiva que prevea e asegure que non se produza afectación nos ecosistemas nin nos bancos pesqueiros e marisqueiros das rías.
«Entendo a sensibilidade dos pescadores e mariscadores da ría de Arousa pola situación actual do sector marisqueiro, que é competencia exclusiva da Xunta de Galicia», afirmou.
Ampliar o número de puntos
Pola súa banda, os representantes das confrarías indicaron que non están en contra dos dragados nas rías, aínda que consideran conveniente ampliar o número de puntos de vertido e estudar a posibilidade de establecer outros máis nas costas de Galicia.
Tamén coincidiron en que o punto actualmente elixido non se prevé que teña impacto negativo, por experiencias anteriores, pero subliñaron a importancia de manter un control rigoroso para garantir que continúe sendo así no futuro.
Abalde apuntou que o Ministerio realiza estudos sobre a evolución dos puntos onde se depositan os materiais dos dragados, analizando o comportamento das dinámicas da ría de Arousa para detectar posibles influencias na actividade pesqueira e marisqueira.
Neste marco, instou á Xunta a realizar tamén un seguimento exhaustivo sobre como estas actuacións poden afectar á dinámica da pesca e do marisqueo e incidiu na importancia da rigorosidade e intensidade destes estudos.
Axudas ao marisqueo
Finalmente, os representantes do sector trasladaron tamén a posibilidade de poder optar ás axudas estatais postas en marcha que permitan paliar os efectos dos temporais na produción marisqueira. O subdelegado comprometeuse a transmitir estas inquedanzas ao Goberno, reiterando a vontade de manter abertas as canles de diálogo co sector.














