A pasada semana a veciñanza da parroquia de Aríns mobilizábase contra a instalación dunha antena de telecomunicacións por parte dunha empresa privada, nunha finca situada a menos de 100 metros dalgunhas vivendas. Agora, o grupo municipal socialista vén de anunciar que levará ao pleno de febreiro unha proposición vinculada con esta colocación da torreta.
Para os socialistas este conflito evidencia «unha falla de anticipación e de xestión política por parte do goberno de Sanmartín», en palabras de Marta Abal. A edil critica a forma na que se produciu a implantación, «dun día para outro, sen que ninguén avisase atopáronse as veciñas e veciños con que estaba instalada». Algo que xa denunciaba en EL CORREO GALLEGO un dos veciños afectados, Javier Loira: «No es la ubicación más idónea, creemos que se nos tenía que haber consultado y desde nuestro punto de vista no cumple con lo que exige la normativa municipal».
Dende o grupo municipal socialista destacan que a finca na que se sitúa a antena -de 30 metros de altura- «limita a 70 metros con algunhas vivendas e a 30 co cerramento das súas parcelas». Pese a que dita instalación conte con permisos municipais, Abal advirte de que o Concello de Santiago ten «responsabilidade política e obriga de actuar con previsión«.
A concelleira asegura que este expediente «estaba aberto e en tramitación desde finais de 2023 e contaba con informes municipais desde principios de 2024″, polo que considera que existía marxe suficiente para intervir antes de que a torre estivese instalada. Nese sentido, criticou que “o Concello non negociou coa empresa a instalación en localizacións alternativas”, pese a existiren dúas opcións á vista dos informes técnicos.
Un goberno local «reactivo»
Para o grupo socialista, o sucedido en Aríns revela unha forma de gobernar «reactiva, que actúa cando o conflito xa é público, en lugar de mediar previamente». Abal sostivo que “o goberno tan pronto ten coñecemento dun expediente desta tipoloxía debe abrir un proceso de diálogo coas empresas antes de que o conflito estale como está a pasar agora”.
Na proposición, o PSOE insta o goberno municipal «a abrir de inmediato un proceso de diálogo coa operadora para analizar as localizacións alternativas e minimizar a afección ás vivendas próximas«, ao tempo que reclaman mellorar a comunicación coas parroquias e barrios implicados, e piden que se garanta que as veciñas e veciños coñezan «con antelación suficiente as solicitudes destas operadoras para poder anticiparse ás súas pretensións”.
O texto inclúe tamén medidas estruturais, como a elaboración dun estudo técnico de planificación preventiva, ao abeiro da ordenanza municipal vixente, que identifique emprazamentos idóneos no termo municipal priorizando a menor afección ás zonas residenciais, o menor impacto paisaxístico e o posible uso compartido de infraestruturas existentes, así como a revisión da actual ordenanza de telecomunicacións.














