O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, participou este sábado no acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao organizado polo Concello de Rianxo con motivo do aniversario do seu nacemento.
O acto, ao que asistiron tamén o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrouse na vila natal do intelectual rianxeiro e serviu para poñer en valor unha das figuras máis relevantes da historia cultural e política de Galicia.
Julio Abalde definiu a Castelao como “un galego profundamente comprometido co seu tempo e coa súa xente, cuxa obra segue sendo plenamente actual”, e destacou que o seu legado continúa ofrecendo claves para entender a Galicia de hoxe.
O subdelegado puxo especial énfase no papel de Castelao na defensa e dignificación da lingua galega, lembrando que “nun momento no que o galego estaba relegado dos espazos públicos, Castelao demostrou que era unha lingua válida para a creación, para o pensamento e para a expresión política”.
Nese sentido, subliñou que a súa achega foi determinante para consolidar o galego como un piar esencial da identidade colectiva.
Abalde referiuse tamén á dimensión política do intelectual rianxeiro, destacando o seu compromiso co galeguismo, co autogoberno e cos valores democráticos. “Mesmo desde o exilio, Castelao nunca deixou de pensar Galicia nin de defendela”, afirmou, lembrando que a súa traxectoria política estivo sempre vencellada á defensa da dignidade do pobo galego.
Nos actos, que, ademais das intervencións do Pazo do Martelo, incluíron unha ofrenda floral ante o busto de Castelao, no Paseo da Ribeira, e a presentación dun cadro doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez, participaron tamén os alcaldes de Rianxo, Julián Bustelo, e A Estrada, Gonzalo Louzao, quenes anunciaron a súa intención de oficializar un irmandamento entre os dous concellos, que teñen como nexo común ao rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e á súa dona, a estradense Virxinia Pereira Renda.
O pano de fondo do anuncio foi un cartel no que, de xeito intencionado, o rostro de Virxinia Pereira destacaba sobre o de Castelao, en primeiro plano.
“Estes dous municipios, un de interior e da provincia de Pontevedra, outro de costa e na da Coruña, danse hoxe a man como irmáns, unidos pola que foi unha parella transcendental para a historia de Galicia e para a galeguidade”, dixo o mandatario estradense, asumindo que a este simbólico paso terán agora que dar continuidade os correspondentes acordos plenarios nos dous municipios e o trámite administrativo e oficial que comportan este tipo de expedientes de irmandade.
Tras sinalar que os actos celebrados este mes en Rianxo dan continuidade neste 2026 ao Ano Castelao que se conmemorou en Galicia enteira ao longo de 2025, Gonzalo Louzao puxo o acento en que “na Estrada, este universo Castelao terá tamén moita presenza e continuidade en 2026 a través do Ano Cultural Virxinia Pereira, a estradense que o insigne galeguista escolleu como compañeira de vida, de alegrías, sufrimentos e tamén do profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.
“Na Estrada estamos convencidos de que non temos que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque ela estaba ao seu carón. Virxinia estaba á par de Castelao sempre. Foi a súa compañeira de vida e de loita, sendo fiel ao seu compromiso e ideais, tamén cando el xa non estaba”, apuntou.
Louzao Dono lembrou o forte vínculo que Castelao tiña coa Estrada. “Mocearon e casaron na Estrada, onde paisaxes e patrimonio deixaron pegada na obra do autor. Tamén na Estrada, no cemiterio de Figueiroa, descansan Virxinia e Xesús, o único fillo do matrimonio. No marco deste Ano Cultural a nosa idea é que unha escultura lembre a esta familia nun lugar que leva un nome que non podía ser máis axeitado para eles: a Praza de Galicia”, dixo.














