O pasado día 12 foi asinado na UE o Acordo de Libre Comercio co Mercosur (Arxentina, Uruguay, Paraguay e Brasil), cun aval de maioría reforzada dos membros da UE, é dicer, non por unanimidade, coa oposición de Francia, Polonia, Austria, Hungría e Irlanda. O Acordo precisa da sinatura dos membros Mercosur a realizar en Paraguay e, finalmente, a ratificación do Parlamento Europeo para entrar en vigor.
Foi dado a coñecer máis polas protestas en forma de cortes de estradas con tractores, en varios países comunitarios, que polo seu contido. Os cortes de estradas teñen unha presenza no noso país consonte cos dos colegas condutores de tractores doutros países europeos, aínda que non os mesmos intereses. Pensamos que a valoración do significado das tractoradas aquí é de orixe máis escura e de leitura máis intra-estado español que xenuinamente profesional dos intereses que se di representar. Non é fácil atopar explicación a unhas mobilizacións post-acordo duns contidos coñecidos no percorrido parsimonioso deste Acordo, larvado nun bon feixe de anos, cando neste momento coa gripe aviar e coa peste porcina africana bastante restra de problemas hai como para levantar voces ao ceo de ningures.
No Acordo resaltan os intereses de todo tipo –non só comerciais– que orientaron a súa sinatura. A visión comunitaria dos estados membros máis interesados, foi poñer máis acento nos efectos de futuro para a influencia da UE no Mercosur que na inmediatez das ganancias comerciais en conxunto, que tamén existen. A UE é o segundo maior socio comercial destes países, despois de China, pero por diante de EUA. Mercosur é o 10º socio comercial en bens da UE. Mais o relevante é que a Unión Europea tenta estabelecer e manter posicións neses países que soborden ou transcendan as barreiras non arancelarias e trabas de calquera outro tipo que impiden a fluidez comercial, así como –e isto é moi importante– o investimento europeo neses países. A posición ocupada polas compañías interesadas ao investir en industria ou servizos garante relacións seguras no futuro. As reducións ou anulacións arancelarias beneficiarían a un conxunto de industrias e servizos de grandes compañías europeas e de certos sectores de alimentos (do subsector de luxo). Dáse a cifra de 4.000 millóns de euros anuais en beneficio, nomeadamente da industria automobilística, de bens de equipo, de produtos químicos, farmacéuticos, confección e calzado. Así mesmo, en servizos financeiros e de telecomunicacións. E, moi relevante, a entrada nos concursos de contratos públicos deses países en condicións equiparábeis aos locais. Resumindo, un moi bon negocio para as compañías europeas con necesidades expansivas e un moi bon agasallo reputacional para a UE en horas baixas internacionais. Para tratar o asunto dos alimentos, é preciso fiar moito máis fino e desvendar o veo da propaganda. A gandaría galega leva anos nutríndose (o seu gando) de soia e millo procedente de Mercosur, todo el transxénico, e sen escándalo. Desde hai décadas, a UE compra froita, hortalizas e legumes de calquera parte do mundo sen escrúpulos de prácticas de cultivo homoxeneizadas. E, finalmente, como ilustración do dobre raseiro, no 2024 na UE producíronse 30.000 t de glufosinato (considerado praguicida altamente perigoso pola FAO), de tiofonato-metilo (prohibido aquí desde 2020) e mancozebe (igualmente prohibido), tres das substancias prohibidas na UE e que son vendidas e utilizadas no cono suramericano.
Cumpriría algo menos de dobre raseiro, para se presentar como modelo de prácticas agrícolas e gandeiras exemplares.











