A Oficina Municipal de Atención ao Consumidor do Concello de Boiro atendeu no ano 2025 a un total de 2.332 persoas para tramitar reclamacións ou prestar información ás persoas usuarias, dándolle trámite a 495 novos expedientes.
As principais áreas de actuación foron a electricidade, comunicacións e seguros, que concentraron a maior parte das consultas e reclamacións. A mediación supuxo acadar 43 acordos satisfactorios, facilitando a recuperación económica de 46.633’23 euros para as persoas reclamantes.
Os principais obxectivos da oficina son informar, axudar e orientar a consumidores e usuarios para o adecuado exercicio dos seus dereitos; así como recoller e rexistrar queixas e reclamacións e remitilas aos organismos competentes; realizar actos de mediación entre persoas consumidoras e empresas; e elaborar escritos xudiciais e extraxudiciais.
Aínda que maioritariamente as atencións prestadas son a persoas de Boiro, o ámbito de actuación da oficina é de toda a comarca, atendendo tamén a persoas de todos os concellos limítrofes, a zona de Padrón, Dodro, Rois e ata Santiago.
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Boiro está situada na Casa Consistorial e presta servizo de luns a venres en horario de 9.00 a 13.30 horas con cita previa. Máis información no enderezo electrónico [email protected] ou na web municipal.














