O proxecto Regatos polo aire, impulsado por Rebordelos e dirixido polo cineasta Xacio Baño, presentouse no Espazo Sol de Carballo nun encontro conducido polo propio Baño xunto coa escritora María Lado, e que contou cunha actuación musical de Richi Casás.
A partir da imaxe das sellas, transportadas enriba da cabeza nas vilas e nas fontes, Regatos polo aire reivindica unha memoria colectiva cada vez máis excepcional: os procesos artesáns, os usos e as historias vinculadas a un tempo no que a auga había que carrexala con todo o seu peso, ao tempo que pon no centro fontes e lavadoiros como corazón comunitario, con protagonismo das mulleres e das redes de apoio tecidas ao seu redor.
Un documental e un libro
Concibido como un proxecto documental, audiovisual e literario, Regatos polo aire é o primeiro deste tipo que recolle a tradición de como se fai unha sella e explora, nun sentido máis amplo, o universo social que medraba arredor da auga como punto de encontro.
A vertente editorial toma forma nun libro fotográfico e literario coordinado por María Lado, que contextualiza estes coñecementos patrimoniais e a súa dimensión artística. A publicación, de tiraxe limitada, reúne textos de Xacio Baño e María Lado, artigos de Xerardo Pereiro, Llerena Perozo e Carme Varela, e relatos de Emma Pedreira, Suso Bahamonde, Diego Ameixeiras e Susana Sánchez Aríns, ademais de fotografías históricas, definicións lexicográficas, citas de textos e un vocabulario vencellado a este mundo.
Premio
O proxecto, premiado no I Certame Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025, complétase cunha curtametraxe documental que segue o traballo de José Vicente Lagoa, cirurxián plástico e un dos últimos construtores de sellas en Galicia, que mantén a tradición familiar no seu taller en Betanzos.











