Mellorar e traballar a favor do benestar psicolóxico do alumnado é o principal obxectivo da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, creada no mes de maio de 2021, nun contexto marcado pola situación de fatiga pandémica. A Unidade, ubicada no Pavillón Estudantil, na rúa de Lope Gómez de Marzoa do Campus Sur, atendeu ata o pasado mes de novembro a un total de 520 estudantes nun total de 3.823 sesións. A maiores, recibiron asesoramento 291 estudantes. As peticións de intervención sitúanse nas 1.480.
«Naceu como un proxecto piloto pero ao longo deste tempo conseguimos poñer as bases para crear un servizo referente sobre o que na actualidade nos preguntan dende outras universidades», comenta en conversa con EL CORREO GALLEGO, Ana López Durán, coordinadora da Unidade, que está acompañada de dúas profesionais da psicoloxía xeral sanitaria. Son Pilar Bárcenas e Sara Purcell, «nas que recae a atención máis directa».
López indica que, dende un principio, o obxectivo foi «atender os problemas psicolóxicos que interfiren no funcionamento académico do estudantado de grao, mestrado e doutoramento».
Unha vez que as persoas fan a demanda a través do correo electrónico [email protected], dende o servizo póñense en contacto con elas e valoran se «é obxecto de intervención pola nosa parte». En ocasións son temas específicos para os cales existen servizos especializados como sería un caso de trastorno de alimentación. «Nese caso derivámolo e facemos o acompañamento mentras non reciben a atención por parte doutro profesional», indica.
«En ocasións derivamos a servizos especializados, pero mentras facemos o acompañamento»
Cando é unha demanda do seu ámbito, as persoas reciben a atención por parte dunha das psicólogas da Unidade. Pode ser presencialmente ou a través de videochamada, «segundo as preferencias da persoa». En total son seis ou sete sesións dunha hora de duración e cunha periodicidade semanal.
O alumnado do Campus de Lugo que solicita axuda, recíbea a través de videochamada. Ademais, teñen reservado un espazo na Biblioteca Intercentros para poder levar a cabo alí intervencións. «Habería que ver se podemos estar alí con certa periodicidade para os que prefieren falar con nós presencialmente», asegura.
A ansiedade e a depresión son os principais motivos das atencións
As problemáticas máis atendidas son a ansiedade e o estado de ánimo depresivo. A estas súmanse «o perfeccionismo e a autoesixencia». A coordinadora asegura que se trata de atender unha serie de problemas «nunha poboación específica antes de que cheguen a ter unha entidade máis grave».
En referencia aos estudantes dos primeiros cursos atínxenlle problemas adaptativos. «Para moitos é a primeira vez que marchan da casa e están lonxe da familia e a súa contorna, e teñen que aprender a organizarse, o que pode resultar complexo», comenta.
Xa nos seguintes cursos, os estudantes solicitan axuda «ante a incerteza ao rematar os estudos ou a competitividade para poder acceder a outra formación».
Sobre a época do coronavirus recorda López que houbo casos de illamento social. «Atopámonos con persoas que chegaron á Universidade con poucas clases presenciais e non puideron establecer redes de amizade», asegura. Isto derivou en medo e dificultades no ámbito académico. Situacións nas que hoxe en día «percibimos unha melloría».
Como en calquera intervención psicolóxica, dende a Unidade levan a cabo un seguimento despois de rematar coas sesións marcadas. Nalgúns casos, segundo explica a responsable, «xa se fixan intervencións breves nun primeiro momento para ver a evolución» e noutros «dase a porta aberta» dende que realizan unha enquisa de satisfacción. Con todo, López manifesta que é «habitual» que os estudantes atendidos contacten a posteriori coas psicólogas.
López Durán desexa que as súas compañeiras «consigan a adicación a tempo completo». Logo, estudiaríase a posibilidade de ampliar o persoal vinculado á Unidade.
Formación para docentes sobre como actuar ante problemas psicolóxicos nos estudantes
Por último, a psicóloga pon en valor a formación á comunidade universitaria de como actuar ante os problemas psicolóxicos que poden presentar os estudantes. Así, recorda que levan cinco edicións organizando un curso para docentes e persoal de administración e servizos nos que se facilita información respecto aos problemas máis frecuentes. «Deben saber como actuar, a onde poder acudir e o funcionamento do noso servizo», resume.Tamén realizan intervencións en formato talleres e obradoiros para abordar o manexo do estrés e da ansiedade. «En formato grupal funciona moi ben e resulta eficiente», confirma.
Primeiro ano con financiamento externo: O Sergas achegou 20.000 euros para 2025
AUnidade de Atención Psicolóxica prestou servizos ao estudantado dende a súa creación con recursos propios da Universidade, sen contar con ningún tipo de financiamento por parte da Administración autonómica nin tampouco estatal.
Este ano, por primeira vez, recibiron 20.000 euros dende o Sergas, «a raíz dun convenio coas tres universidades públicas galegas», segundo explica o xerente da institución compostelá, Javier Ferreira. Trátase dunha partida que dende a USC esperan «que se consolide de cara aos vindeiros anos e incluso aumente».
Ferreira tamén pon en valor que a Unidade de Atención Psicolóxica conta co recoñecemento oficial como servizo sanitario.
Por outra banda, tras ler as distintas entrevistas publicadas por EL CORREO ás candidatas que se postulan ao Reitorado da USC, Ferreira apunta a que «as catro puxeron o foco na atención ás persoas». Ao respecto, recalca que o actual goberno «intentou coidar ás persoas. É certo que sempre se pode chegar a máis, pero neste caso queda para o futuro un servizo completamente normalizado».













