O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e a delegada da Xunta, Belén do Campo, supervisaron o inicio da escavación no Castro da Croa de Postmarcos, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio.
O rexedor solicitou no verán apoio á Xunta para afondar na historia do xacemento «un dos máis importantes e singulares da comarca». A transcendencia destes traballos débese ao feito de que a Croa de Postmarcos «é o primeiro castro de interior que se escava no Barbanza», apuntou Vidal.
Do Campo destacou a importancia de actuar con carácter prioritario en xacementos que «reúnen valores históricos excepcionais e un alto interese social, poñendo o foco na preservación, na seguridade e na divulgación».
O Castro da Croa foi adquirido polo Concello no 2024 para garantir a súa conservación e promover investigacións. Está considerado de tamaño medio e destaca por ser o único castro cun recinto circular no que se aproveitou o outeiro rodeado polo río, e polo bo estado de conservación no que se atopa o seu sistema defensivo.
As tarefas comprenderán unha superficie duns 60 metros cadrados, e permitirán indagar no que se sabe da Idade de Ferro en Galicia e sobre a orixe dos praestamáricos, un pobo que viviu nesta comarca durante esa etapa histórica.
A empresa Tempos Arqueólogos executa os traballos, que contan cun investimento de 18.000 € asumido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Está previsto que a campaña conclúa o día 12.

















