A alcaldesa de Santiago afirmou que os galardoados na edición número 33 dos premios Gallegos del Año son «cinco persoas excepcionais, cinco nomes propios que destacan nos seus respectivos ámbitos, que achegan valores de relevancia nun tempo en que se impón o ruído e é cada vez máis difícil discriminar o relevante». «Persoas coas que temos unha débeda de agradecemento porque, no seu camiñar, dunha maneira ou outra, provocan un ben colectivo, un beneficio para a sociedade enteira», afirmou Goretti Sanmartín durante a súa intervención na gala.
A rexedora da capital galega incidiu, ademais, en que «non hai dúbida de que esta é unha época de moitos cambios» para o xornalismo. «A rede informativa enmaráñase cada vez mais con novas fórmulas nas que as fontes se multiplican e é complexo trasladar a información veraz e honesta nun tempo en que os bulos e a intoxicación corren máis veloces que nunca sen que recoñezamos a orixe aínda que intuamos os obxectivos. Por iso, persoas que ocupamos cargos que son de interese informativo, que somos protagonistas de titulares, que estamos no ámbito público e, por tanto, no foco de atención mediática, agradecemos de maneira especial o xornalismo profesional que atende todas as voces, que contrasta, que responde ao interese informativo, que é servizo público e, como tal, un ben común para toda a sociedade», destacou Sanmartín, ao tempo que engadiu que «é importante a pluralidade de medios, que non se impoña a lei do máis forte, que nazan e se manteñan cabeceiras e empresas xornalísticas, que os medios públicos respondan ao pluralismo ao que os obriga a lei e non caian na manipulación partidista».
«Ese pluralismo», sinalou a alcaldesa de Santiago, «está no fundamento da democracia, é garantía de respecto á diversidade e aos dereitos de todo o mundo». «Por iso tamén, quero volver a manifestar o recoñecemento ao grupo Prensa Ibérica por facer que EL CORREO GALLEGO, unha cabeceira histórica na capital galega, tomase un novo rumbo dirixido por un xornalista de longa traxectoria na cidade como é Xaime Leiro, que se puxo á fronte dun equipo que cada día dá vida a unha cabeceira que ten na información local unha das súas principais trabes, unha información tan necesaria, tan de servizo público», engadiu Sanmartín, quen, «nesta festa do xornalismo en Compostela», lembrou «os case 250 xornalistas que atoparon a morte en mans asasinas en Gaza nos últimos dous anos».
«Unha cifra terríbel que nos alerta sobre a violencia que se exerce sobre un oficio que ten como obxectivo contar ao mundo o que acontece. Para eles, para elas, vai tamén a nosa lembranza», afirmou a alcaldesa, quen durante o seu discurso tamén loou os méritos dos cinco premiados. «O empresario Constantino Fernández Pico é merecedor de moitas páxinas como presidente e fundador de Altia, un xigante tecnolóxico e un selo punteiro en servizos dixitais que nos sitúa na cabeza dun sector de especial relevancia para o noso presente e o noso futuro», destacou a alcaldesa sobre Tino Fernández, premio Gallego del Año 2025 na categoría de Economía e Emprendemento.
E de Mabel Loza, «á quen tanto lle debemos como investigadora en biotecnoloxía e como directora do CiMUS da Universidade de Santiago, situando a Facultade de Farmacia na cima do recoñecemento internacional», sinalou que «sitúa Compostela no lugar máis prestixioso da investigación científica».
A alcaldesa tamén tivo palabras de recoñecemento para Ana Peleteiro, «unha das galegas máis queridas e admiradas pola mocidade». «E quero mostrar a admiración pola maneira valente que ela ten de arrepoñerse e responder con contundencia a tantos bulos que circulan polas redes sociais nas que tanta influencia ten», engadiu.
Sobre o gañador do premio Gallego del Año 2025 en Política e Sociedade, Sanmartín destacou que o traballo de Pérez Nieto «ten unha forte pegada tanto no eido empresarial como no asociativo», e valorou «a súa aposta por recuperar o talento e a mocidade galega que tivo que emigrar».
E de Manuel Rivas, afirmou que «debémoslle, entre outras cousas, unha morea de libros extraordinarios, moitas horas de lectura atenta e emocionada, unha voz comprometida e honesta que escoitamos con atención e unha maneira de estar no mundo necesaria e urxente». «Prémiase», dixo Sanmartín, «unha das principais figuras da nosa cultura, o autor de libros memorábeis de incomparábel altura literaria e páxinas que forman parte xa da historia do xornalismo».














