A deputada provincial de Cultura, Natividade González; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; e o presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, Marcos Gallego, presentaron a oitava edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, que se celebrará en Rianxo do 10 ao 14 de decembro.
Nesta edición proxectaranse no auditorio municipal 35 filmes nacionais e internacionais, e na competición oficial participarán 17 curtametraxes documentais procedentes de diferentes países.
Competirán polo Premio do Público (1.000 €) e polo Premio á Mellor Película da Competición Oficial (2.000 €), este último outorgado por un xurado profesional. Este ano incorpórase un novo apartado competitivo: a Sección Galega, na que o público poderá votar para elixir ao filme que recibirá o Premio do Público á Mellor Película Galega. Outra das novidades é a Sección Infantil, na que se proxectarán cinco pezas.
O programa incluirá tamén un roteiro divulgativo sobre o marisqueo; foros sobre a carpintería de ribeira, a navegación tradicional e o traballo das confrarías; a presentación do libro O cineísta andarengo: a propósito de Bernardino de Lamas, de Manolo González; e un obradoiro de cinema con móbiles.














