O Salón Teatro de Santiago acolleu no serán deste domingo a gala final dos Premios Fran Pérez ‘Narf’ que outorga a Deputación da Coruña. Un concurso cun obxectivo duplo: difundir a figura e a obra do músico e compositor compostelán Fran Pérez ‘Narf’ –finado o 15 de novembro de 2016– ao tempo que busca «apoiar, difundir e promocionar grupos e artistas da música galega» emerxente. Algunhas das bandas gañadoras deste premio foron Caldo, Bala ou Familia Caamagno, aos que dende agora se une a coruñesa Belém Tajes.
Nunha gala conducida polo xornalista Luís Pardo, Marián, Belén Tajes e Vimbio tiveron oportunidade de amosar o seu talento e a súa música durante cadansúa intervención de 15 minutos. Un xurado integrado pola artista Ugia Pedreira, o xornalista Daniel Salgado, o músico Alberto Busto, a produtora Noa Díaz e o programador Tomi Legido foi o encargado de escoller o gañador: Belém Tajes, que vai recibir un premio metálico de 4.000 euros. Para o segundo clasificado, que nesta edición resultou ser a cantante da Serra de Outes Marián, a dotación económica do galardón ascende a 2.000 euros; e son 1.500 euros o premio para o terceiro clasificado, a banda de Ponteareas Vimbio, liderada por Álex Arnoso.
Durante a deliberación do xurado dos Premios Fran Pérez ‘Narf’, o público asistente á gala do Salón Teatro puido gozar tamén da música de Caamaño&Ameixeiras, dúo folk máis que consolidado en Galicia e que está a conquistar tamén os mercados internacionais.
O perfil da gañadora
Belém Tajes (A Coruña) compón ademais de cantar e formou parte de grupos como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela «as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación».










