A infancia ten un destacado peso na obra gráfica de Castelao, non só en cantidade senón tamén en protagonismo e calidade. Diana Vilas, historiadora da arte, reivindica a importancia da nenez na narrativa visual do gran artista e escritor galego nunha tese que constitúe a antoloxía máis completa ata o o día de hoxe e na que tamén profundiza no contexto histórico e xornalístico dos debuxos.
O traballo recompila case 1.400 estampas, algunhas delas de forma inédita, dende as colaboracións iniciais en Vida Gallega (1909) ata os álbums de guerra Milicianos (1938). Un total de 217 son de nenez e Vilas tamén completa a súa análise con 300 debuxos doutros artistas gráficos da época., fotografías e numeroso material histórico.
«As escolmas publicadas ata o momento inclúen ao redor de 300 estampas, pero só nos xornais Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo recollín case un millar. Esta é unha das aportacións da tese», destaca a súa autora, que tivo como titores aos catedráticos Julio Prada e Mª Victoria Carballo-Calero.
Vilas, que é membro da Aula Castelao de Filosofía e ten varias publicacións e unidades didácticas sobre o autor, comezou a estudar o imaxinario da nenez na obra gráfica publicada nesas dúas cabeceiras como traballo final de máster no 2011: «Aí empecei a tirar do fío porque me chamou a atención a presenza significativa de nenos. Son o segundo suxeito máis importante despois da categoría home adulto. E ao ir aos xornais e revistas da época, tamén atopei estampas e textos doutros artistas que me fixeron diversificar e ir ampliando moito o traballo».
A experta conclúe que a obra gráfica de Castelao integra un discurso ético e político centrado na infancia e que fai dela algo real e, ao mesmo tempo, tamén simbólico. «As imaxes de Castelao están baseadas na vida real dos nenos. Ese realismo queda demostrado ao cotexalas coa fotografía histórica. Pero, ao mesmo tempo, válese dunha serie de estratexias como é xogar coa vulnerabilidade propia da nenez para lanzar mensaxes politicamente más significadas e incluso escapar da censura. Utiliza aos nenos para dicir directamente o que non pode dende a voz dun adulto e tamén para mobilizar emocionalmente á poboación ante determinadas loitas sociais nas que el participou», explica.
Debuxa rapaces que teñen consciencia e que están lonxe da visión «conservadora e idealizada» que predominaba nos artistas europeos de finais do século XIX e principios do XX. «A súa perspectiva non era habitual na época. Os seus nenos son de todo menos inocentes. Parece que naceron vellos porque teñen unha forma de pensar ou de ver a realidade máis propia dun adulto. Castelao rompe a perspectiva do neno campesiño e da infancia en xeral que había na arte no seu tempo», destaca.
«Aparecen xogando, chorando porque non queren ir á escola, correndo detrás dos automóbiles ou roubando mazás», describe Vilas, «pero tamén miran constantemente ao mundo adulto e preséntanse no medio das súas conversas ou participando nas súas propias loitas como a agraria».
Incluso replican e poñen en dúbida as súas afirmacións como cando se preguntan se a Terra será redonda como lles di o mestre ou se Primo de Rivera, en palabras do abade, é o seu pai de verdade. «Están constantemente interrogando aos adultos e as súas ensinanzas. De feito, eu creo que Castelao tamén recurre a eles para exemplificar que van ter na súa man a hexemonía no futuro, que son a posibilidade do cambio», reflexiona.
A tese de Vilas, que defendeu o pasado xuño, divide as estampas en nove temáticas diferentes como a familia, a vida cotiá, a escola, a infancia desamparada, a emigración ou a política. Moitas delas, engade, darían para unha investigación por si mesmas, pero subliña a singularidade dos debuxos sobre a guerra.
«A perspectiva que lle da á infancia nestas estampas pareceume moi chamativa. Castelao non segue as mesmas premisas doutros artistas que representan aos nenos como vítimas inocentes dos conflictos e como parte da poboación vulnerable que hai que protexer. Aparecen moitas nais coraxe e utilízase a imaxe dos nenos para acrecentar a crueldade. Pero Castelao amósanos unha visión de resiliencia. Os seus nenos son os que coidan dos demais. Consolan a unha nai rota de dor pola morte do compañeiro en «O paraíso fexista» ou a unha irmá pequena en «Supervivientes». Están xunto ao resto da poboación que ten que aguantar as circunstancias», defende.
Outra das conclusións relacionadas coas imaxes da guerra é que Castelao expresa nelas un enfoque máis conclusivo, na liña do seu posicionamento político: «Teñen un valor distinto, porque nas outras estampas a mensaxe é máis aberta e xoga moitas veces coa ironía para que cadaquén poida sacar as súas conclusións».
Aínda así, nesa obra gráfica máis relacionada co día a día tamén inclúe temas que para os xornais e revistas nos que publicaba «non tiñan a relevancia suficiente para ser noticias ou levalos a unha portada». «Incluso hai ocasións en que as súas estampas son opostas á liña editorial, como lle ocorre co galego ou coa súa perspectiva sobre a emigración. É como se fixese un contradiscurso dos xornais nos que colaboraba», destaca.
Neste sentido, o epígrafe «Cousas de nenos» ten en moitas ocasións un sentido irónico para subliñar que o tema abordado non é algo infantil ou sen importancia: «De feito, non o utiliza en todas as estampas con nenos. Hai un uso selectivo, por exemplo, naquelas en que estes lanzan mensaxes sobre a ditadura primoriverista ou nas que se tratan temas como os malos tratos infantís na escola ou na familia e a violencia de xénero. É dicir, pon na boca dos nenos temas que nese momento non se ven nas noticias. E utiliza este epígrafe incluso con interrogante».
Precisamente, unha das liñas de investigación polas que podería seguir profundizando xa rematada a súa tese é a da perspectiva de xénero . «Esta base de datos tan ampla que fixemos permite filtrar outros autores e visións nas que non puiden pór tanto o foco porque non eran o obxectivo principal», avanza Vilas, á que tamén lle gustaría condensar as máis de 900 páxinas do seu traballo de doctorado nun libro de carácter divulgativo para o público xeral.
A experta participará o día 31 na conferencia Castelao en feminino no Club Faro xunto as historiadoras Sara Alonso e Mª Victoria Carballo-Calero. E ademais impartirá un curso da UNED sobre a súa obra gráfica no IES Valle INclán de Pontevedra todos os xoves de novembro.
Suscríbete para seguir leyendo











