Representantes da comunidade educativa de Ames puideron visitar este sábado a cociña central da rede municipal de comedores escolares, onde cada día se preparan os menús dos 1.500 menores que empregan o servizo. O Goberno local busca así dar a coñecer as novas instalacións ás asociacións de nais e pais e ás directivas dos centros, tras a súa posta en marcha, o pasado 8 de setembro. «Puideron resolver as súas dúbidas sobre o seu funcionamento e falar coas técnicas municipais encargadas de xestionar este servizo, explicou a concelleira de Educación, Carmen Porto.
Pola súa banda, o alcalde de Ames destacou que a cociña central é un proxecto «pioneiro» que reforza a aposta do Concello por un dos seus servizos «estrela»: a rede de comedores de xestión municipal dende 2005. Blas García confirmou tamén que a intención do seu Executivo é que a cociña central poida elaborar tamén os menús que se serven na Escola de Verán.
Na visita participaron as directoras da EII Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño, Ángeles Ferrón Novais e María Carmen Liñares; a secretaria da ANPA do CEIP Agro do Muíño, Marian Cueto; a vicepresidenta da ANPA da EEI Milladoiro, Fátima Neiro; a tesoureira da AFA de Barouta, Ana Bua Casas, e maila secretaria da ANPA do CEIP da Maía, Susana Rodeiro, así como concelleiros do Goberno local e do BNG e o PP, todos debidamente protexidos con batas e gorros plásticos por razóns de hixiene. A técnica municipal en nutrición, Rosana Martínez, e a aparelladora municipal, Margarita Iglesias, foron as encargadas de ir explicando o funcionamento e as características das instalacións.
A cociña central municipal de Ames dispón dunha superficie de 888 metros cadrados e nela traballan un total de 20 persoas. A elas súmanse tres empregados máis na cociña da EEI Milladoiro. As instalacións dispoñen de zona de entrada para a carga e descarga de vehículos, cuarto de limpeza, zona de caldeiras, módulo de lavado, zona de limpeza de hortalizas e outros produtos, almacén, oficina, área de cociña con zona de frío e zona de preparación de comida, zona de vestiarios e aseos para o persoal.
O persoal da cociña central elabora os menús que se serven nos comedores escolares do CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEIP da Maía, CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Ademais, mantense operativa a cociña da EEI do Milladoiro para a elaboración dos menús específicos de tratamento nutricional que poden ser por alerxias, intolerancias ou calquera tratamento nutricional específico. Na actualidade arredor de 1.450 alumnos comen nos comedores escolares. Deles, 143 contan cun tratamento nutricional específico.
 
                