A Consellería do Mar prevé ter rematados os traballos de reposición da cuberta e acondicionamento do edificio dos departamentos para usuarios do porto de Fisterra na próxima primavera. Así o comunicou a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita ao porto fisterrán, na que estivo acompañada polo alcalde, Luis Insua, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.
Lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 13 da adxudicación das obras, cun orzamento de 320.000 euros, IVE incluído, e informou de que onte asinouse o contrato coa empresa adxudicataria.
Os traballos consistirán na reposición da actual cuberta para evitar a filtración de humidades e o acondicionamento dos elementos metálicos do conxunto da envolvente, dado o estado de corrosión actual debido a súa forte exposición ao ambiente mariño. Ademais executarase unha nova rede soterrada de evacuación das augas pluviais e substituiranse os canlóns e baixantes.
Villaverde explicou tamén que procederase á instalación provisional duns contedores marítimos na contorna para dar servizo aos usuarios ata que rematen as obras, permitíndolles así proseguir coa súa actividade. O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciados, será de cinco meses.















