Paula Refojo Otero, investigadora da área de Dereito Mercantil da USC, acadou o primeiro posto nos XIII Premios á Excelencia Cátedra Fundación Mutualidade polo seu traballo ‘A problemática da propiedade intelectual sobre os escritos e informes elaborados polos avogados’. O tema do seu estudo trátase dunha materia que polo de agora non ten sido obxecto dun tratamento doutrinal e xurisprudencial exhaustivo. O acto público de entrega do premio –recibirá unha dotación de 6.000 euros– terá lugar en Madrid o vindeiro mércores 29 de outubro.
No traballo premiado estudáronse as principais cuestións que suscitan os escritos forenses dende o punto de vista da propiedade intelectual, especialmente en relación co nacemento da protección e as implicacións da utilización dos sistemas de intelixencia artificial, a autoría da obra así como a titularidade e o alcance dos dereitos que xorden da propiedade intelectual.
Paula Refojo Otero é graduada en Dereito pola USC, con premio fin de carreira concedido pola Xunta de Galicia, e Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría. Na actualidade atópase elaborando a súa tese de doutoramento baixo a dirección dos profesores Ángel García Vidal e María del Mar Maroño Gargallo.
Segundo e terceiro premio
Despois dunha avaliación exhaustiva de máis de 20 traballos, na que o xurado tivo en conta diversos criterios como a orixinalidade, o enfoque e a calidade, o segundo premio (3.000 euros de dotación) asignouse a Fernanda Puente Córdova, alumna da Universitat Pompeu Fabra, por ‘Entre la edad y la madurez: revisión crítica de la responsabilidad penal de menores de edad como autores de delitos graves en España’.
O terceiro premio, dotado con 1.500 euros, vai para Paula Pérez García, da Universidade Autónoma de Madrid, por “El papel del abogado en el litigio estratégico. Especial mención a los litigios en materia de Derechos Humanos en la jurisdicción contencioso-administrativa’.