O barrio de San Pedro de Santiago foi este sábado un dos moitos lugares de todo o mundo onde se levou a cabo unha iniciativa solidaria de apoio ao pobo palestino. No marco da iniciativa Mans con Palestina, un grupo de veciños xuntáronse para encher as rúas de sandías, un símbolo da resistencia palestina.
Feitas de ganchillo ou de papel, a acción consistiu en colgar as sandías en farolas, portais ou calquera outro lugar “onde non se moleste moito pero que teña moita visibilidade”, explicou unha das promotoras. Este tipo de iniciativas coñécense como craftivismo, unha práctica que aproveita a forza da artesanía e da creatividade colectiva como forma de resistencia pacífica.
“Aquí hai un grupo de mulleres que nos xuntamos para facer ganchillo e puxémonos a andar con isto, pero colaboraron tamén os colexios do barrio. Hai veces que estamos máis activas e outras menos, pero en cousas así unímonos sempre”, afirma unha das participantes, que subliña que a acción tamén se está levando a cabo en diferentes lugares de Compostela.
Así, engaden que “é unha acción para dar visibilidade e apoio ao pobo de Palestina polo xenocidio que está sufrindo” e que serve tamén para quecer motores para a manifestación que partirá desde Alameda este domingo, 5 de outubro, ás 12.00 horas.