Máis de 30.000 emigrantes galegos recibiron apoio dende que está en marcha a «Estratexia Galicia Retorna»

Dende 2018 leva en marcha a «Estratexia Galicia Retorna», un paraugas que abriga unha manchea de iniciativas que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Emigración para favorecer a integración, a formación e o emprendemento de persoas que deciden facer o camiño de volta a Galicia, o seu lugar de orixe ou o que viu nacer aos seus pais ou avós.

Máis de 30.000 persoas procedentes de 60 países diferentes recibiron o apoio personalizado ao abeiro destes programas, segundo contou nunha entrevista en Cope Galicia Antonio Rodríguez Miranda, o secretario xeral de Emigración.

A primeira fase da Estratexia (2018–2022) superou o obxectivo inicial de 20.000 retornos, acadando 28.000. A segunda fase, Galicia Retorna 2023–2026, duplica recursos e medidas, con máis de 100 accións e un investimento acumulado de 450 millóns e todo indica que as cifras de persoas atendidas serán novamente moi importantes.  

«Temos un incremento de petición de axudas en todas as liñas que están entre un 10 e un 15% cada ano, o que quere dicir que os datos de 2024 e 2025 van ser máis altos aínda».

As oficinas de retorno, o punto máis demandado

Miranda explica que as necesidades das familias que retornan son diversas, pero «hai unha cousa que é o núcleo…as oficinas de retorno», que fan un asesoramento global , «de acompañamento, unha familia que vén do exterior e contacta con nós antes de sair xa lle indicamos que documentación ten que traer, como ten que facer… ata que momento do ano é o máis adecuado para vir!». Porque no caso de ter nenos, aconséllase que fagan cadrar as datas para que non interfira no calendario escolar. 

Rodríguez Miranda destaca tamén que  o «Retorno Emprendedor» leva mobilizados máis de 7 millóns de euros para máis de 900 proxectos en 200 concellos.  Salienta que o asentamento de novas empresas por parte de emigrantes estase a facer sobre todo no rural, así que o secretario xeral de emigración fala dun efecto «multiplicador» das achegas que se destinan a estas iniciativas.

«Só no momento que poñen en marcha o negocio van multiplicar por oito en termos de investimento… e se iso o centramos en concellos rurales, dámonos perfectamente conta da dinamización que supón», asegura.

Dende as oficinas de retorno dáselles asesoramento global, ata das mellores datas do ano para poder retornar

Antonio Rodríguez Miranda

Secretario Xeral de Emigración

celebración da hispanidade co corazón en galicia

Galicia estará moi presente a próxima semana na celebración da Hispanidade en Arxentina. Por primeira vez a embaixada española  naquel país dedicará os festexos do 12 de Outubro a Galicia así que coincidindo coa efemérides terá lugar Saborea Galicia Calidade, un evento de promoción da gastronomía e dos produtos galegos no exterior, pensando nomeadamente en profesionais e medios especializados.   Coroan o programa dous concertos de Luz Casal y Baiuca. 

Fuente