O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que aprobe definitivamente o proxecto da primeira fase prolongación da AG-55 e que inicie os trámites da licitación antes de que remate o 2025, así como que dote dunha partida orzamentaria nos orzamentos de 2026 para o desdobramento da vía, con dous carrís para cada sentido de circulación.
A organización nacionalista sinalou que “despois de anos de promesas electorais incumpridas do PP para rematar a autovía AG-55 da Costa da Morte, e logo de anos de protestas e demandas da veciñanza da comarca para executar as obras, por fin o Consello da Xunta anunciaba o día 9 de xuño a aprobación provisional e próxima información pública do proxecto de primeira fase da prolongación da autovía da Costa da Morte, treito Santa Irene – AC-432, por un importe de máis de 36 millóns de euros”.
Para o BNG, trátase dun proxecto que non colma as súas expectativas nin as promesas feitas polo PP. “O goberno galego no ano 2009 xa aprobara o desdobre do proxecto, e o plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015) aprobado pola propia Xunta no ano 2010 xa establecía o remate da autovía con dous carrís por sentido, non cunha prolongación cun só carril, como pretenden facer agora”, subliñou a formación nacionalista, que afeou ao goberno galego o trato discriminatorio coa Costa da Morte, “pois coa prolongación da autovía AG-59 que une Santiago e A Estrada, tendo os mesmos índices de fluxo de tráfico que a nosa comarca, si vai ser finalizada cunha autovía”.
Diminución da partida prevista
Logo de que en xuño deste ano a Xunta anunciara que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de prolongación da autovía, o BNG advertiu que “a día de hoxe, e co prazo de alegacións cumprido o 11 de agosto, nada sabemos da tramitación do expediente, máis aló das modificacións orzamentarias feitas en abril deste mesmo ano, que diminuíron a partida de 8 millóns de euros prevista; polo que co fin de evitar a perda do que queda na partida orzamentaria e impulsar este ano o proxecto, é necesario instar á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) a axilizar esta infraestrutura”.
O deputado Oscar Insua manifestou que «o BNG vai a facer todo o posible para que a Xunta cumpra, para que liciten este ano as obras e comecen canto antes, e para ter unha autovía de verdade».