A Casa de Cultura de Cee acollerá este outono unha trintena de actividades para todos os públicos. Ademáis de citas xa consolidadas, como O Mes da Fundación, as Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte ou o Festival Solidario contra o Cancro, o Concello ofertará exposicións, documentais, teatro, e actividades de divulgación do medio ambiente, de promoción do libro e da lectura.
Unha parte das actividades terá como destinatarios principais á comunidade educativa ceense, beneficiándose profesorado e alumnado dos colexios de primaria e secundaria.
En outubro, o alumnado de quinto de primaria poderá asistir o día 15 á representación da obra Rolán, Orlando, Roldan transita polo Reino de Galiza, de Fantoches Baj, proxecto ganador do III Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia da Deputación de A Coruña.
Semana do Medio Ambiente
Pola súa banda, en novembro o alumnado de sexto e a maior parte do de secundaria, ciclos formativos e bacharelato terán diferentes propostas dentro da programación especial Eco de Sol: Semana do Medio Ambiente no Concello de Cee, da man de Aantena Teatro e a Deputación de A Coruña, que inclúe a representación da obra teatral Sol Fuerza; un obradoiro de regueifa con Lupe Blanco; proxeccións de documentais e unha charla de etnomedicina popular con andaina guiada a cargo de María Moure. Esta última actividade será aberta a toda a cidadanía.
A promoción do libro e a lectura contará tamén con varias propostas. A primeira, o venres 10 de outubro coa presentación do libro Relatos y memorias de Antonio Fernández Aguirre. Funcionario de carreira cunha longa traxectoria en Europa e moi ligado ao ámbito pesqueiro presenta unha obra na que o litoral ceense está moi presente, cun impacto especial en Caneliñas.
A Semana da Biblioteca ofrece dúas novedosas actividades, unha sesión de contos para bebés o día 22 de outubro, e un obradoiro de creación de libros o venres 24. Ámbalas dúas serán con inscrición previa e terán lugar a partir das 18.00 horas.
Cinco funcións teatrais
Os afeccionados ao teatro contarán con varias citas destacadas. O domingo 12 de outubro, da man da compañía Malasombra, chega a comedia Go on, e en novembro haberá catro representacións: Profetas, de Ítaca Teatro, o sábado 8; Marcho que teño que marchar, un divertido monólogo en clave femenina con Bea Campos (Inventi Teatro), o sábado 15; a última montaxe da Escola Municipal de Teatro de Muxía da man de Artur Trillo, o domingo 16; e Os vellos non deben namorarse, con Silvardeiras Teatro o día 29.
A exposición de Ana García sobre Devoción popular na Costa da Morte, visitable ata o 20 de outubro, e unha festa teatral infantil para celebrar o Samaín o venres 31 de outubro da man de Barafunda Teatro e o seu espectáculo Quen dixo medo, completan o amplo abano de variadas propostas de outono.