Santiago acollerá os vindeiros mércores 1 e xoves 2 de outubro o Congreso Internacional ‘Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático’. Celebrarase no Salón de Actos da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), situada no Campus Sur, baixo a organización do Concello de Santiago, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago (IBADER) e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).
O congreso enmárcase dentro do proxecto Entre Sar e Sarela, impulsado para promover accións de renaturalización urbana e resiliencia, e cuxo obxectivo central é promover a infraestrutura verde en Santiago e mellorar a conectividade ecolóxica entre o anel verde exterior e a trama urbana.
O proxecto conta co respaldo da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Este encontro reunirá a especialistas nacionais e internacionais en biodiversidade, urbanismo e sostibilidade para impulsar novas estratexias de infraestrutura verde que fortalezan a adaptación das cidades ao cambio climático.
Entre as experiencias de renaturalización e biodiversidade urbana que se inclúen no programa, destacan proxectos postos en marcha en Valladolid ou Santiago, así como outras iniciativas locais de infraestrutura verde como Salamanca, Vitoria-Gasteiz ou Santander.
No congreso tamén terá cabida o marco xurídico das infraestruturas verdes e proxectos pioneiros de restauración ecolóxica do goberno autonómico galego, rematando cunha visita ás actuacións do proxecto Entre Sar e Sarela.
O programa completo está dispoñible e xa se pode consultar na web da entidade: www.ceida.org













