As catro cátedras institucionais coas que a Universidade de Santiago homenaxea as figuras de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ricardo Carvalho Calero buscan «render tributo a catro figuras senlleiras para a lingua e a cultura galegas». Así o manifesto onte o reitor Antonio López durante a presentación destas catro iniciativas, e que contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e dos directores de cada unha.
Santalices puxo o foco no proceso de diálogo e consenso que mantivo co reitor para facer posible estas catro cátedras institucionais e destacou que as catro figuras «referendan a nosa historia e a nosa cultura».
Pola súa parte, José López Campos subliñou como estas cátedras permitirán, ademais de poñer en valor as persoas que lles dan nome, «profundar nas súas obras e traxectorias».
A Cátedra institucional Rosalía de Castro, codirixida por María do Cebreiro e Fernando Cabo, dedicarase, entre outros aspectos, ao estudo académico e crítico da súa obra e figura nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional.
Similar obxectivo ten a Cátedra Castelao, dirixida polo profesor Henrique Monteagudo e creada para a difusión e proxección cara ao futuro da vida e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a lingua e a cultura galegas.
Manter e dar a coñecer o legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, como figura sobranceira da Galicia do século XX, é o propósito da terceira cátedra institucional, que codirixen Dolores Vilavedra e Francisco Durán.
Por último, a Cátedra Carvalho Calero, que ten como director o profesor Carlos Quiroga, tratará a figura, o pensamento e a obra dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC.