A Entidade Pública Empresarial Augas de Ames presentou esta mañá a súa nova páxina web, un espazo dixital pensado para mellorar a transparencia, a proximidade coa veciñanza e a xestión telemática de todos os trámites relacionados co servizo municipal de augas.
O presidente de Augas de Ames e alcalde, Blas García, destacou que «a nova web permite ter unha ferramenta para poder contactar e facer trámites con Augas de Ames de xeito rápido e áxil. Vainos permitir aos usuarios poder acceder aos nosos recibos, aos avisos, contacto da empresa, etc., que permite ser máis transparentes e máis áxiles á hora de estar en contacto cos abonados e abonadas».
A xerente, Genma Otero, subliñou que «agardamos que para os abonados e abonadas deste servizo sexa unha páxina accesible. Trátase dunha ferramenta sinxela, moi visual, inclusiva e que ofrece a posibilidade de facer practicamente todos os trámites de xeito telemático».
O técnico informático, Carlos Nogueira, engadiu que «esta páxina web pretende ser unha ferramenta que achegue á cidadanía o servizo municipal de augas. Todos os impresos e anexos están en formato autoeditable e contamos cun apartado de Chatbot de apoio que pode ser moi útil para dispor de información a través da utilización de palabras clave».
O novo portal ofrece un menú principal con seccións como Oficina Virtual, Preguntas frecuentes, Atención á cidadanía, Avisos, Obras e Perfil do Contratante. Tamén dispón de información sobre oficinas, instalacións, obras, axenda de eventos e ligazóns ás redes sociais, co obxectivo de que o usuario teña unha experiencia sinxela, inclusiva e segura.
A nova web complétase coa recente apertura da oficina do Milladoiro, situada na avenida de Rosalía de Castro, que amplía os servizos e o horario de atención ao público. Esta ferramenta dixital, financiada con fondos europeos Next Generation EU, forma parte das iniciativas do Concello de Ames para modernizar o servizo e fomentar a comunicación directa coa veciñanza.