A Pobra do Caramiñal acollerá nas Festas do Nazareno un Espazo Violeta de información, atención e acompañamento ás vítimas de agresións machistas. A medida, posta en marcha pola Concellería de Igualdade, xa se aplicara no Carme dos Pincheiros e enmárcase na campaña Desmárcate! contra as violencias machistas.
O punto estará operativo do venres 19 ao luns 22 de setembro, en horario de noite, co obxectivo de garantir un ambiente seguro e libre de agresións. O Concello informa de que a ubicación e os horarios estarán sinalados en planos colocados en locais hostaleiros colaboradores.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, destacou que este servizo é esencial «para sensibilizar fronte as agresións machistas e para garantir que as festas do Nazareno sexan seguras para todas as persoas asistentes».
O Espazo Violeta contará cun equipo formado por unha psicóloga e unha educadora social especializadas en violencia de xénero, encargadas de ofrecer información, atención directa e apoio emocional ás posibles vítimas. Ademais, traballarán coordinadas coa Policía Local e Protección Civil para facilitar a denuncia dos feitos.
O posto tamén repartirá materiais divulgativos e de sensibilización, como folletos en galego, español e inglés, así como pegatinas, mochilas, chapas, pulseiras ou sombreiros.
O proxecto está financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdad.