Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, celebran este domingo, 21 de setembro, a cuarta edición de “Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía que conmemora a Batalla de Altamira de 1471. Tras varios adiamentos no mes de xuño debido á choiva, o programa inclúe representación teatral, actuacións musicais e concerto, e todas as actividades son de acceso libre ata completar aforo.
O evento comezará ás 12.30 horas coa representación da obra “A Batalla de Altamira”, a cargo do grupo Os Quinquilláns. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, actuarán as pandeireteiras da Costaneira de Ames, ás 20.30 horas as pandeireteiras de Brión, e ás 21.00 horas terá lugar o concerto do grupo Carmela. Ademais, o domingo 5 de outubro ofrecerase unha nova representación teatral de “A Batalla de Altamira” para quen queira asistir.
As actuacións desenvolveranse no marco das Torres de Altamira, en Brión, un Ben de Interese Cultural do século XV situado nun miradoiro privilexiado sobre o Val da Maía. O evento busca poñer en valor o monumento e recuperar a memoria histórica da batalla entre as tropas do arcebispo Alonso Fonseca II e Lopo Sánchez Moscoso.
Con este programa, os Concellos de Ames e Brión pretenden que veciños e visitantes poidan gozar dunha xornada cultural e histórica nun espazo emblemático, promovendo a participación e a difusión da memoria local.