A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou este venres o obradoiro de emprego dual Lubiáns, que levaron a cabo os concellos de Carballo e Coristanco e que recibiu unha achega de case 324.000 € da Xunta, incluíndo incentivos para promover a contratación en empresas da contorna.
Lado destacou a formación que recibiron as 15 persoas participantes, ao tempo que desenvolveron un traballo efectivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Os alumnos formáronse na modalidade de montaxe e instalación de construcións de madeira e na de montaxe de moble e elementos de carpintería.
Ao longo de nove meses acometeron a dotación e renovación de mobiliario dos centros sociais das parroquias de Bértoa, Entrecruces e Verdillo, en Carballo, e dos de Cereo, Erbecedo e Oca, en Coristanco. A maiores, realizaron na parroquia carballesa de Artes unha pérgola para o exterior da escola unitaria e, en Coristanco, un peche perimetral para o pavillón deportivo do CPI Alcalde Xosé Pichel e unha pérgola no exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba.
A Xunta subvencionou os custos de contratación do profesorado e dos alumnos-traballadores.