O grupo socialista de Muxía vén de denunciar que «a metade dos colexios do municipio comezarán este luns o periodo escolar 2025/2026 con alumnos sen servizos básicos» como conserxería ou limpeza (aínda que o Concello avoga por cubrilos con persoal propio) polo «pasotismo», ao seu xuizo, do alcalde. Ademais, o portavoz Iago Toba denunciou os vertidos de lixo no exterior do colexio dos Muíños.
Ante esta situación lamentable, os socialistas reclaman que o rexedor independente Javier Sar, esixa á responsable de Educación Aurelia Picallo que solucione estas graves deficiencias de forma inmediata, máis aínda cando esta concelleira é a directora dun dos centros máis afectados pola carencia destos servizos.
Así pois, e a xuizo do PSOE local, constatouse que tanto o colexio Virxe da Barca de Muxía como o colexio de Os Muíños carecerán de servizo e personal estable de conserxería, pois nin hai contrato feito, nin licitación de servizo en marcha nin sequera un expediente de contratación. «E o 100% dos colexios carecerían de servizo de limpeza polos mesmos motivos xa que a día de hoxe» segundo puideron comprobar dende a oposición, «non existe proceso de licitación de servizo aberto e tampouco contratación cerrada».
Lembran que a carencia de conserxes xa era visto por unhas xubilacións previsibles.