Cita clave para coñecer o rumbo que toma a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Raxoi e a Xunta acuden este luns a un encontro de carácter «técnico» para abordar a situación da petición do goberno compostelán. A alcaldesa Goretti Sanmartín declarou pouco antes da hora prevista para a celebración da reunión que confía en que o procedemento poida «seguir adiante» e non ter que comezar de cero.
A principios de agosto o Goberno autonómico deu por «desistida» a solicitude presentada por Raxoi para aplicar esta medida, que permitiría poñer tope aos prezos do alugueiro en determinadas circunstancias. A Xunta considerou que non se respondeu da maneira adecuada a un requirimento para esixir máis documentación que fundamentase a proposta compostelá. O Concello argumentou que cumpre os requisitos e que se tratou dunha decisión «política». Días despois programouse o encontro deste luns, ao que Raxoi asiste «vontade de escoitar» e de «chegar a acordos», segundo sinalou Sanmartín.
Vontade de «chegar a acordos»
A rexedora matizou que «imos coa vontade de escoitar, de saber as modificacións que pon sobre a mesa a Xunta e de argumentar e xustificar que o Concello de Santiago cumpre cos requisitos para ser declarado zona de mercado residencial tensionado, e queremos que continúe este procedemento«. Así, engadiu que «pretendemos que o desistimento no se produza e que poidamos seguir adiante «.
Sanmartín lembrou que o goberno local formulou un recurso de reposición para que continúe a tramitación e manifestou tamén que «ao final a quen beneficia que haxa esta declaración é ao conxunto da veciñanza», ao considerar que «a posibilidade dunha regulación dos prezos é algo importante para todo o mundo».